Comezan as obras da estrada entre Sarria e Becerreá

LugoXa | SarriaXa
Trátase dun treito de nove quilómetros preto do casco urbano deste municipio da montaña lucense, nos que invisten 711. 415 euros.
obras estradas
26 Aug 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora do firme da LU-636, de Sarria a Becerreá, nun treito de nove quilómetros preto do casco urbano deste municipio da montaña lucense, nos que inviste 711. 415 euros.

Esta actuación forma parte dun contrato maior cun orzamento de case 1,7 millóns de euros, que afecta ás obras de reforzo do firme en tres estradas: na LU-546, Nadela -Sarria – Monforte; na LU-741, entre o núcleo urbano de A Pontenova e Aldeguer; e a estrada LU-636, entre Sarria e Becerreá.

Estes nove quilómetros posúen treitos cun pavimento deteriorado que fan necesaria a actuación de conservación programada e o reforzo do firme. Así, nuns catro quilómetros do casco urbano de Becerreá realizarase un reforzo do firme mediante o estendido dunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente, previo estendido doutra de regularización, naqueles treitos onde sexa preciso.

Noutros cinco quilómetros, levaranse a cabo tarefas de mantemento do firme existente mediante, primeiro, a reparación de baches, perfilado de mordentes e tratamento asfáltico para, despois, aplicar rego asfáltico e engravillado, con selado de toda a vía.

Os traballos xa están en execución e se estima que que o estendido da mestura bituminosa en quente se realizará neste mes de agosto. A continuación, se acometerán as obras de pavimentación con tratamentos de regas bituminosas con engravillado durante a primeira quincena de setembro.

As actuacións nestes nove quilómetros da LU-636 rematarán coa limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización e das defensas. Tanto estas actuacións como as obras de mellora do firme contribuirán a incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios.

0.15387392044067