Comezan as obras da planta fotovoltaica entre Sarria e O Páramo

SarriaXa
Con esta planta fotovoltaica a Serra do Páramo converterase nun dos primeiros exemplos de parques de hibridación en Galicia
serra-do-paramo-eolicos
15 Jan 2025

A empresa Virandel iniciou as obras dunha nova planta fotovoltaica que contará con 5.700 placas colocadas sobre unha estrutura metálica fixa, e cunha potencia total de 3.200 kilovatios e suporá un investimento de 2,7 millóns de euros. Está previsto que esta instalación, situada xunto ao parque eólico Serra do Páramo, tamén propiedade da compañía, quede rematada no segundo semestre deste ano.

Os traballos, que xa comezaron, contaron coa escavación de gabias para o cableado preto da subestación dos aeroxeradores, infraestrutura que será compartida por ambas as instalacións. E a seguinte fase do proxecto incluirá a construción dun centro de transformación e a instalación das placas solares. Pero estas obras poderán prolongaranse durante un período de entre seis e oito meses.

Con esta planta fotovoltaica a Serra do Páramo converterase nun dos primeiros exemplos de parques de hibridación en Galicia nos que se mesturan enerxías renovables como a solar e a eólica. Esta será a primeira instalación destas características en entrar en funcionamento na comarca de Sarria.

A planta eólica da Serra do Páramo, en funcionamento desde hai 17 anos e que conta con dez aeroxeradores, compartirá recursos coa nova instalación fotovoltaica, que se estenderá ao longo de seis hectáreas de terreo composto por parcelas privadas pertencentes a diversos propietarios, tal e como establece o proxecto.

Os trámites para a construción da planta comezaron hai tempo, e foi en maio pasado cando a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, dependente da Consellería de Economía e Industria, outorgou a autorización necesaria.

 

 

0.14856004714966