Comezan as obras na estrada autonómica LU-546 ao seu paso por Sarria

No día de onte iniciaron a execución das obras de reforzo de firme na estrada autonómica LU-546, na travesía de Sarria.
Os traballos que se están a levar a cabo nesta vía, que comunica Nadela e Monforte de Lemos, céntranse no tramo que vai do punto quilométrico 23+380 ao 24+290, ao seu paso por Sarria.
As tarefas de rehabilitación do firme fan necesario o corte total da circulación dende o día de onte ata o seu remate, previsto para este venres día 29, ás 15 horas.
Para minimizar o impacto dos traballos no tráfico, as obras realizaranse en dúas fases, habilitándose os correspondentes desvíos para a circulación dos vehículos.
Na primeira fase, que abrangue ata o mércores, o tráfico desvíase pola rúa José Antonio e pola rúa Nova. Na segunda fase das obras, entre o xoves e o venres, habilítase o desvío pola rúa Castelao.
Segundo o programa previsto na obra, a travesía de Sarria abrirase ao tráfico ao final de cada xornada de traballo para os servizos de mercadorías, autobuses e carga e descarga ou emerxencias, evitando en todo momento o estacionamento de vehículos por outros motivos.
En canto o detalle das tarefas en execución na travesía de Sarria, estas consisten no estendido dunha nova capa de rodadura, de xeito que se melloren as características superficiais, previo fresado da existente.