Comezan no Páramo as reunións do plan básico municipal
O Concello do Páramo e a Consellería de Medio Ambiente inician este luns, 1 de febreiro, a rolda de reunións informativas sobre o plan básico municipal. Un grupo de técnicos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o equipo redactor do plan e a arquitecta municipal farán un total de 16 xuntanzas para informar sobre o contido e a obxectivo deste documento urbanístico. Ademais farán entrega dun formulario para que os veciños e veciñas poidan presentar as alegacións que consideren oportunas neste período de información pública.
As reunións serán na planta baixa da Casa Consistorial, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Estableceuse un calendario por parroquias para evitar a concentración de persoas e garantir as medidas de distanciamento social esixidas pola actual situación sanitaria pola covid-19:
- 1 de febreiro. Parroquia de Saa
- 3 de febreiro. Parroquia de Vilarmosteiro
- 5 de febreiro. Parroquias de Neira e Vilasante
- 8 de febreiro. Parroquias de Santandrea, Samamede e Reascos
- 10 de febreiro. Parroquia de Piñeiro.
- 12 de febreiro. Parroquia de San Martiño de Torre.
- 17 de febreiro. Parroquia de Montaña de Friolfe.
- 19 de febreiro. Parroquia de Friolfe.
- 22 de febreiro. Parroquia de Adai.
- 24 de febreiro. Parroquias de Vilaeiriz e Gondrame.
- 26 de febreiro. Parroquia de San Vicente.
- 1 de marzo. Parroquia de Ribas de Miño.
- 3 de marzo. Parroquia de Grallás.
- 5 de marzo. Parroquia de Villafiz.
- 8 de marzo. Parroquia de Moscán.
- 10 de marzo. Parroquia de Paredes.
Independentemente destes encontros organizados polo Concello do Páramo e a Xunta de Galicia, as persoas interesadas poden examinar o documento en horario de oficina, con cita previa, e presentar alegacións nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo ou no propio Concello do Páramo. Así mesmo, tamén pode consultarse o documento na web da Consellería e achegarse por vía telemática as alegacións a través do correo sxurb@xunta.gal.
O prazo de información pública do plan básico do Páramo é de 2 meses dende a publicación do seu anuncio no DOG, que tivo lugar o día 11 do pasado mes de xaneiro.
Concello pioneiro
O Páramo é o primeiro concello galego que contará con esta ferramenta de ordenación, que contempla a Lei do Solo. A él sumaranse outros oito municipios: Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada e Triacastela, tamén na provincia de Lugo, e Cartelle, Pradenda, Porqueira e San Xoán de Río, na de Ourense.
O plan básico municipal é unha ferramenta impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para municipios de 5.000 habitantes que carecen de plan xeral. Deste xeito, estes concellos disporán dunha ordenación básica para o desenvolvemento elemental, que estará en vigor ata que a situación particular aconselle a redacción dun plan xeral de ordenación municipal.
A Xunta de Galicia asumiu directamente a redacción do primeiro plan básico municipal, o do Páramo, e colabora técnica e economicamente co dos outros oito municipios que o están a tramitar.