Comezan os traballos para ampliar a capacidade da Edar de Triacastela

SarriaXa
A actuación, sufragada pola Xunta, estivo paralizada durante meses por dificultades nas escavacións
depuradora-Triacastela
13 Jan 2026

A Xunta de Galicia puxo en marcha as obras de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Triacastela, unha intervención que permitirá incrementar de maneira significativa a súa capacidade de tratamento. A actuación está financiada a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.

O proxecto foi adxudicado á UTE formada por Grupo Bascuas 2008 e Teswater Global por un importe de 434.010 euros e conta cun prazo de execución de seis meses. Os traballos iniciáronse en xullo, pero tiveron que ser suspendidos pouco despois debido, principalmente, a problemas xurdidos durante as escavacións, o que impediu executar determinadas fases da obra tal e como estaban previstas inicialmente.

Unha vez retomadas, as actuacións permitirán ampliar unha infraestrutura que resulta insuficiente para dar servizo á poboación estacional de Triacastela, xa que nos meses de maior afluencia se rexistran puntas de carga moi superiores á capacidade actual. A estación depuradora foi deseñada para atender unha poboación de 350 habitantes, polo que a intervención permitirá adaptala ás necesidades reais do municipio.

A ampliación fará posible atender a demanda actual e futura, elevando a capacidade ata os 611 habitantes equivalentes, ao tempo que mellorará o funcionamento do sistema de depuración. Os traballos inclúen a retirada de equipamentos e a demolición da obra civil existente correspondente ao desarenador-desengrasador, o reactor de biodiscos, o espesador e o sistema de desinfección e o decantador secundario, co obxectivo de implantar unha solución que aproveite mellor o espazo dispoñible e dimensione adecuadamente o tratamento ás necesidades existentes.

A estación contará con novas zonas de tratamento e desinfección. A liña de proceso manterá o sistema de debaste actual cun canal automático e outro de by-pass manual, así como unha nova área de tratamento con dous tanques. Ademais, habilitarase un novo decantador lamelar con bombeo de purga de lodos, que disporá de dúas bombas, unha delas de reserva, e o proceso completarase cunha zona de desinfección equipada cun canal de luz ultravioleta.

Para levar a cabo esta ampliación, Augas de Galicia e o Concello de Triacastela asinaron o correspondente convenio. Foi en xaneiro de 2024 cando a alcaldesa, Olga Iglesias, e o entón conselleiro de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, formalizaron o acordo. Ese mesmo ano, a Administración autonómica sacou a licitación das obras, un procedemento ao que concorreron catro empresas.

⚙ Configurar cookies
0.073603868484497