Comisión de festas de Goián, en Sarria: "As festas de Goián son por e para os veciños"

SarriaXa
Durante as tres xornadas das festas, as actividades protagonistas son a xuntanza cabalar, a gastronomía, cunha pancetada popular, e a música
Festas-de-Goián-2022
31 Ago 2024

Por Jessica Fernández

A parroquia de Goián, en Sarria, celebra as súas festas na honra ao Santo Cristo os días 31 de agosto, 1 e 2 de setembro, con diversas actividades para veciñanza e interesados. Concretamente, o 1 de setembro, coincidindo co primeiro domingo de setembro, terá lugar a Romaría do Santo Cristo de Goián, unha celebración que ten a súa orixe no ano 1742 da man do párroco Don Antonio Armesto Rivadeneira, “o cal comezou a celebrar o primeiro domingo de setembro a conmemoración do Santo Cristo con varias funcións relixiosas”, segundo explican desde a comisión de festas de Goián, encabezada pola Asociación de Veciños de Goián, representada por Jose Vázquez Veiga, tesoureiro; Kevin Abuín Pérez, presidente; e Jéssica López Sobrado, secretaria.

Esta romaría é unha das máis destacadas da comarca de Sarria e cada ano atrae a numeroros fieis e crentes que renden culto á imaxe do Santo Cristo do santuario, e este ano non foi unha excepción. Centos de devotos de Friol, Lugo, Castroverde, Láncara, Páramo, Paradela e Sarria estiveron presentes no primeiro domingo de setembro en diversas misas na honra ao Santo Cristo.

Estas misas, non só a da Romaría, senón as que se levan a cabo durante os tres días das festas de Goián, están oficiadas por un novo cura que chegou a Sarria o pasado 15 de setembro 2023 como novo frade no convento da Merced, Jules Roger Ndzana, de 43 anos e natural de Camerún. Así, substituíu ao antigo clérigo José Manuel Somoza, que exerceu durante 55 anos o seu labor sacerdotal nas parroquias de Goián, San Miguel de Vilapedre, Ortoá, Frades e Arxemil, ás que agora atende Jules.

Desta maneira, o de Camerún sostivo que está “moi contento en Goián e a acollida foi unha gran alegría, cos corazóns cheos de esperanza, xa que o convento da Merced e os Padres Mercedarios en Sarria son unha historia e esta historia debe permanecer”. Así, é para el un reto presidir a primeira Romaría de Goián, pero di “que como Cura de Goian necesito moita paciencia, un amor grande na misión e moitos sacrificios. É unha bendición ser cura do Santuario Santo Cristo de Goián. Valoro moito a historia do Santuario e ao ser todos unha Igrexa, un pobo, hai que compartir a alegría da festa con todos”, concluíu. Pola súa parte, desde a asociación de veciños de Goián di que “para ser o primeiro ano que está como párroco para as festas, ten bastante iniciativa e ganas en facer cousas novas”.

AS ACTIVIDADES, DA MAN DA ASOCIACIÓN

Durante as tres xornadas das festas, as actividades protagonistas son a xuntanza cabalar, a gastronomía, cunha pancetada popular e aberta a todo mundo, e a música, xa que o sábado actúa o Dúo Tropical, o domingo estará o Grupo Reviravolta, a orquestra Solara e a Banda Louband de Sarria; e o luns estará o grupo Tania Veiras. Ademais, haberá un sorteo de 3 lotes de produtos, valorados cada un en 100 euros.

Todas estas actividades están organizadas pola Asociación de Veciños de Goián, que xorde o 29 de setembro do 2004 como asociación veciñal, pero máis tarde, no ano 2008, comeza tamén a realizar actividades recreativas, culturais, deportivas e veciñais na parroquia. Así, decidiron organizar, por primeira vez por parte da directiva actual, as festas e a Romaría do Santo Cristo de Goián co obxectivo de “organizar as festas patronais e outras actividades lúdicas e culturais para todos os veciños e, así, servir como un nexo de unión para toda a parroquia”, explican.

Con respecto á evolución destas festas, argumentan que foi “favorable, aínda que a pandemia fixo que, nese ano e nos seguintes, mermase un pouco. Esperamos que volvamos a contar coa afluencia dos anos anteriores”, comentan. Ademais, contan coa axuda da veciñanza, polo que “as festas son para eles”.

IMPORTANCIA DESTA INICIATIVA

Este tipo de festas son importancia para Goián e para a comarca de Sarria “porque foi e segue sendo unhas das romarías de máis afluencia de veciños dos concellos lindeiros da comarca, chegando a contar con múltiples peregrinacións ao santuario”, explican desde a asociación. E destacan que “hai tradicións que hai que coidar e seguir mantendo. Por iso, desde a asociación de veciños estamos traballando na mellora desta festa e sobre todo queremos que volva a ser o que era antes, recuperando as multitudinarias merendas que se levaban a cabo os domingos, as peregrinacións, etc.”, aseguran.

Ademais, poden acometer estas actividades porque contan coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través do seu programa Tradigalu, “co que trouxemos ao grupo de gaiteiros Reviravolta, que estiveron na procesión”. Pero apuntan a que teñen necesidades: por unha parte, a económica, “xa que organizar as festas e outras actividades require de presupostos elevados os cales a asociación non daría asumido de non ser pola axuda económica que aporta o Monte Comunal de Goián”, explican.

E engaden que “tamén notamos en falta máis colaboración doutras entidades, coma por exemplo, o Concello de Sarria, o cal organiza múltiples actividades na vila, pero non se acorda das parroquias do rural para nada. Sen ir máis lonxe, o ano pasado deixounos sen a Cabalgata de Reis, un acto que tiña moita afluencia e facía moita ilusión aos nenos e nenas do pobo”, denuncian.

0.18256306648254