Como viviron os cidadáns da comarca de Sarria o Nadal?
Tras dous anos sen poder celebrar o Nadal de forma habitual por mor da pandemia, os cidadáns e cidadás da comarca de Sarria celebraron estas festas con moitas ganas dentro da nova normalidade
Os cidadáns e cidadás da comarca de Sarria promoveron e organizaron moitas e diversas actividades para este Nadal despois de dous anos sen poder celebrar estas festas con plena naturalidade debido á pandemia da covid-19.
Desta maneira, moitos e moitas foron os que desfrutaron dunhas datas festivas que se sentiron como una nova oportunidade para compartir, alegrarse e estar xuntos, xa que nos anos anteriores coas restricións, as probas de antíxenos e o medo ao contaxio, provocaron que moitas persoas estiveran soas.
Xa na nova normalidade, con medidas de seguridade e con cautela, os cidadáns da comarca de Sarria, que engloba os concellos de Láncara, Paradela, O Páramo, o Incio, Triacastela, Samos e Sarria; festexaron o final do 2022 da mellor maneira posible.
Para comezar, en Sarria organizáronse moitas actividades de Nadal para nenos e adultos, como os Concursos de Nadal, que fomentaron a creatividade da cidadanía.
Tanto o de fotografía, como o de deseño de bolas e de decoración de Nadal, así como o de edición de postais de Nadal xa se celebraran con anterioridade e, ao ver que a xente animábase e participaba con ganas, propúxose tamén este ano. A estes se sumou tamén a primeira edición de Concurso de Panxoliñas.
Pero ademais dos concursos, Sarria fomentou moitas actividades sobre todo para os máis pequenos, que son quen máis desfruta destas datas.
Así, os últimos días antes de Nadal e dentro das actividades do colexio Frei Luis de Granada de Sarria, os nenos e nenas fixeron unha excursión a Lalín e visitaron as aldeas de Nadal nunha xornada en que deron un paseo, comeron e subiron ao tren de Nadal que percorre a vila. Para finalizar, á tarde puideron ver a actuación do home orquestra.
Tamén o CEIP Frei Luis de Granada acolleu unha actuación do grupo Sound Sisters coa que recibiron, ademais, a Papa Noel.
Foi tanta a expectación que máis de 300 persoas, entre alumnado, familias e profesionais da ensinanza, acudiron ao evento.
A xornada rematou coa entrega de agasallos aos premiados no concurso de adornos elaborados con material reciclado que se propuxo no colexio.
Pero tamén houbo actividades para os maiores, como o Mercado Quilate de Nadal, que encheu as rúas da vila.
Coa colaboración da área de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, o grupo de anticuarios de Sarria que xa levaban organizando mensualmente un rastro puxeron á vista dos que pasaban por diante obxectos antigos e clásicos, pero tamén curiosos e de coleccionismo, vinilos, repostería e confeitería artesá, e oficios tradicionais como cestería, olería e tecedura.
Pola súa parte, o Concello de Láncara organizou unha xornada na que Papa Noel recibiu aos máis pequenos e ás súas familias no polifuncional do Campo da Feira.
Papa Noel colleu as cartas que lle levaron os nenos e nenas do municipio para así poder cumprir os seus desexos e estes, ademais, puideron desfrutar dunha tarde de pintacaras, xogos, baile e chocolatada.
Cambiamos de municipio e imos ata Triacastela, onde se levaron a cabo moitas iniciativas para poñer en valor o Nadal no municipio.
Unha delas, orientada aos que máis ilusión teñen nestas datas, os nenos e nenas do CEIP Eduardo Cela Vila, foi o do concurso de postais de nadal organizado pola asociación Xesta Brava.
Con estas postais que podedes ver na imaxe, quixeron mostrar que se pode respectar e preservar o medio ambiente tamén nestas datas, xa que as elaboraron con materiais de refugo.
Os nenos e nenas do CEIP de Triacastela posaron xunto cos do CEIP de Samos fronta á árbore de Nadal de As Termas.
Outra das actividades que mencionar promovidas en Triacastela para o desfrute dos máis pequenos foi a excursión que fixeron a Lugo xunto cos compañeiros e compañeiras do CEIP de Samos, cos que compartiron a visualización dunha película en As Termas.
Despois, o alumnado de Triacastela puido desfrutar dunha xornada en Xuvenlugo, o parque de atraccións de Lugo, onde o pasaron moi ben.
O alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela realizaron un mural sobre o Nadal para rematar o trimestre.
Nel incluíron todos os bos desexos para rematar o ano e aquelo que máis lles gusta e apaixona.
Para finalizar co estómago cheo, realizaron a derradeira merenda do ano acompañados nesta ocasión dos seus familiares, aos que lles cantaron a panxoliña do Apalpador.
Outra das actividades que se celebraron en Triacastela foi a chegada do Apalpador ao colexio Eduardo Cela Vila.
Así, os nenos e nenas desfrutaron das experiencias desta figura da cultura galega que lles encheu de cultura e coñecemento aos máis pequenos, que aprenderon moito sobre historia e patrimonio.
O pasado 28 de decembro Triacastela acolleu dúas actividades de Nadal que puxeron de manifesto a ilusión dos cidadáns do municipio.
Por unha banda, celebrouse un obradoiro de tecido a cargo de María José Martínez e José Antonio Carrera tanto pola mañá como pola tarde.
O curso, dirixido a todos os públicos e que tivo moi boa acollida como se pode ver na imaxe.
Por outro lado, o mesmo día tivo lugar unha festa infantil na carpa que se instalou diante do Concello para que os máis pequenos puideran desfrutar da artista Magali Piedra.
Os nenos e nenas do Concello de Triacastela viron a actuación da artista, bailaron e xogaron nunha xornada de celebración do Nadal inesquecible.
En Paradela tiveron moito peso as actividades de celebración do Bicentenario do municipio, polo que moitas das actividades de Nadal foron encamiñadas nese sentido.
Unha delas e moi importante foi a excursión a Begonte, onde o alumnado do CEIPa San Miguel de Paradela visitou o Belén de Nadal nunha viaxe organizada polo centro educativo en colaboración co Concello, dentro das celebracións do bicentenario da institución municipal.
No Incio, os nenos e nenas do CEIP Ricardo Gasset tiveron a oportunidade este Nadal de facerlle unha visita á residencia de maiores da vila, onde tiveron unha xuntanza en que se uniron os máis pequenos e os anciáns na residencia de maiores do municipio para compartir un tempo durante estas festas.
Así, o alumnado do colexio levou elementos decorativos que elaboraran na clase e entregáronllelos aos máis maiores para facerlles sentir acompañados e queridos.
Nas imaxes podedes ver canta ilusión lles fixo a ambos grupos festexar o Nadal xuntos.
Por último, dentro das actividades de Nadal, a Mesa dos Catro Cabaleiros volveu ser a protagonista destas datas Nadal grazas a un belén elaborado polos veciños Pepe da Fonte e Marisa Freire.
Este lugar é emblemático porque é o punto onde se unen catro concellos da provincia de Lugo, dous da comarca de Sarria e dous da de Ribeira Sacra: O Incio, Samos, Folgoso do Courel e a Pobra do Brollón.
A Mesa dos Castro Cabaleiros é protagonista todos os anos debido ao concurso fotográfico que se organiza en torno a el.
Con esta iniciativa, esperamos que desfrutarades desta recolección de momentos de Nadal da comarca de Sarria e estamos desexando que cheguen as festas de Nadal do ano que vén.