Comprobada a resistencia da ponte de Valdriz en Láncara
Xa se realizou a proba de carga da ponte de Valdriz, en Láncara, que vén de ser ampliada no marco das obras de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada autonómica LU-621. Situáronse na plataforma tres camións de 37 toneladas de peso cada un para comprobar a resistencia da infraestrutura.
Os traballos neste punto están próximos a finalizar. O proxecto contempla tamén a execución dunha rotonda para mellorar o tráfico no entorno da urbanización de Valdriz, ademais da senda de preto de medio quilómetro (460 metros) que discorrerá pola marxe esquerda entre este punto e o inicio das beirarrúas da Pobra de San Xiao. As obras foron licitadas cun orzamento de case 730.000 euros, aos que se engaden 103.200 euros investidos no retranqueo e soterramento da liña de evacuación da hidroeléctrica de Valdriz.
Esta actuación constrúe itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, para reforzar a seguridade dos usuarios das estradas e promover unha mobilidade máis saudable e sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.