Consenso das deputacións da FEMP en destinar os fondos europeos para as estradas provinciais

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O presidente plantexou taména necesidade de revisar o financiamento local para entidades cos que atender as novas necesidades da cidadanía
reunion presidentes deputacon femp leon
22 Feb 2022

O presidente plantexou tamén na Comisión de Deputacións a necesidade de revisar o financiamento local para dotar de recursos económicos suficientes ás entidades locais cos que atender as novas necesidades da cidadanía.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no pleno da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este luns na cidade de León, un encontro no que houbo consenso en torno á reivindicación de Tomé Roca de habilitar fondos europeos para mellorar a rede de infraestruturas provinciais, así como da capacidade das deputacións para xestionar estes recursos económicos conseguidos polo Goberno de España para recuperación da pandemia da covid-19 e que, deste xeito, sexan realmente útiles para a cidadanía, sobre todo no mundo rural.

Neste sentido, a Comisión de Deputacións acordou enviar unha carta ás Comunidades Autónomas e ao Ministerio de Transportes solicitando que as deputacións reciban un 15% dos recursos da UE que xestiona o Estado e outro tanto dos transferidos ás autonomías para destinalos ás redes viarias provinciais.

Durante a reunión, na que participaron máis de trinta presidentes e presidentas de deputacións de toda España, deuse a coñecer o informe elaborado pola FEMP sobre a rede de infraestruturas de mobilidade que xestionan e manteñen as entidades provinciais españolas, que suman máis de 68.000 quilómetros e teñen un custe superior aos 8.600M€.

Esta información foi recompilada de cara a visibilizar o esforzo que fan as deputacións para atender as estradas, tanto de orde orzamentario, como en canto a persoal, despois da proposta que fixo o presidente na última Comisión de Deputacións da FEMP, celebrada o pasado mes de setembro en Almería, de destinar recursos á mellora da mobilidade no rural.

José Tomé subliña que esta cuestión é básica, tanto para artellar solucións eficaces para fixar poboación e abordar o reto demográfico, como para atraer turismo. “Se queremos que a xente non se vaia do rural, debe ter bos accesos, igual que se queremos que veña facer turismo. Non se trata de facer nin un quilómetro de estrada nova, senón de manter e mellorar as vías que temos para que a xente teña calidade de vida. Pódese chegar a dar o caso de que nunha aldea haxa banda ancha, e, sen embargo, dificultades para acceder ás vivendas”, subliñou o presidente, quen lembrou que a Deputación de Lugo é a institución provincial de España coa maior rede de estradas, con 4.217 quilómetros, á que o Goberno lle destina máis de 17M€ neste 2022, o que supón practicamente o 20% do orzamento total co que conta a entidade.

Revisión do financiamento local

Na Comisión de Deputacións celebrada onte en León José Tomé tamén plantexou a necesidade de que, xunto á revisión do financiamento autonómico, se aborde tamén o cambio do financiamento local, “que non se revisou nin unha soa vez”. “Tendo en conta que os concellos e as deputacións son as administracións máis próximas á xente e que as comunidades autónomas son unha sorte de novo centralismo, porque non irradian os fondos cara as entidades locais, faise necesario que teñamos un modelo de financiamento con máis recursos para atender as novas necesidades da cidadanía”, explicou o presidente.

Próximas reunións

No vindeiro mes de maio celebrarase en Valencia a V Reunión de Presidentes e Presidentas de Deputacións, un encontro que será organizado por primeira vez en coordinación entre a FEMP e a Fundación Democracia e Goberno Local -a entidade que ata o de agora o organizaba en solitario-, e servirá para que as institucións provinciais aborden necesidades e problemas conxuntos, como é o caso do reto demográfico, entre outros.

Así mesmo, no pleno da Comisión de Deputacións de onte acordouse celebrar unha nova reunión deste órgano o vindeiro mes de xuño.

0.16314506530762