Continúa a maxia en Sarria coa gran gala especial para a infancia na Praza da Pontevella

A maxia encheu Sarria cunha xornada este xoves inesquecible para as nenas e nenos do programa Sarria Concilia, que desfrutaron dunha función chea de humor, ilusión e participación no marco do Festival de Maxia de Sarria 2025.
O espectáculo, celebrado na Praza de Santa Mariña, permitiulles vivir de preto os trucos e xogos dos magos e magas, interactuando con eles e converténdose en protagonistas dun día cargado de emocións.
As súas caras de sorpresa e ledicia reflectiron a esencia dun evento que este ano cumpre dúas décadas de vida. O propio creador do festival, Roberto Lolo, estivo presente na praza para achegar á infancia participante o espírito co que naceu esta cita cultural xa consolidada na axenda sarriana.
A programación continúa hoxe cunha ampla oferta de actividades: ás 12:30 horas celebrarase unha sesión vermú de maxia de preto no Mercado Paladar Gourmet coa actuación do Mago Joel de Cuba. Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar unha gran gala especial para a infancia na Praza da Pontevella con Iago Saavedra, Edu o Mago e Pedro Aragonés. Ás 19:00 horas, Sara Rodríguez e Nacho Nogueira ofrecerán un espectáculo de maxia de preto na Cafetería Central.
A xornada seguirá ás 20:00 horas coa “Terraza máxica das grandes ilusións” en Cinza e Lume, protagonizada por Melanie, Román García e Mago Roger. Pola noite, ás 22:30 horas, será a quenda dunha gala de hipnose en O Meigallo con Toni Pons. O broche final porase xa de madrugada, ás 01:00 horas, cunha gran gala nocturna especial na terraza de Don Pepe a cargo de Edu o Mago, Mago Roger e Karim.