Contos sen palabras

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
Rebeca maseda
10 Jun 2021

Por Rebeca Maseda

Hai uns días tiven o pracer de asistir no meu querido Mondoñedo á presentación dunha exposición fotográfica sobre Carlos Casares comentada polo propio autor, o excelente fotógrafo Xurxo Lobato. Xamais asistira a un acto destas características tendo ao autor presente e foi unha experiencia moi gratificante. Lobato explicou conceptos moi interesantes sobre aspectos técnicos da fotografía, falounos sobre cómo as imaxes se colocan dun xeito concreto, seguindo unha orde específica, a relación entre o espazo, a sala de exposicións e as fotografías -aproveitamento da luz natural, disposición de portas e fiestras, etc.-, sen dúbida, información moi interesante e valiosa. Persoalmente houbo unha frase que calou forte na miña cabeciña: “Unha exposición fotográfica é unha narración sen palabras”. Qué idea tan marabillosa e chea de verdade. Neste caso, sen coñecer en profundidade a vida de Carlos Casares (1941-2002), puiden descubrir cantidade de historias da súa vida profesional e persoal sen ler unha soa palabra. A cada paso, con cada fotografía, unha nova imaxe reveladora diante dos meus ollos mostrando á persoa, ao home, ao escritor. O amor polo seu Ourense natal, Lamas, Sabucedo, Santiago de Compostela, A Ramallosa -parroquia pertencente ao Concello de Nigrán onde residiu moitos anos-, a súa fascinación por Suecia -país que visitou en numerosas ocasións coa súa esposa Kristina-, etc. Toda unha vida en imaxes, unha idea fantástica especialmente ligada a Carlos Casares, quen gostaba da pintura. De feito, varias das súas obras foron ilustradas con cadros do pintor austríaco Adolf Schiele (1890-1918), referente da arte expresionista e un dos pintores preferidos de Casares.

Igual que unha imaxe pode expresar unha idea con claridade, a música goza dese mesmo poder. É realmente fascinante a capacidade descritiva dunha obra musical incluso cando non falamos de “música programática”, ou música que xa naceu ligada a un texto ou imaxe. Un exemplo moi representativo é o poema sinfónico “Prélude à l’après-midi d’un faune” do compositor francés Claude Debussy (1862-1918). Esta marabillosa peza está inspirada no poema homónimo de Stéphane Mallarmé, posteriormente adaptada tamén para os “Ballets Rusos” de Serguéi Diáguilev. Se falamos de música e imaxe hai unha mención obrigada: “Cadros dunha exposición” do compositor ruso Modest Músorgski (1839-1881). Aínda que foi escrita orixinalmente para piano, acadou moita popularidade coa maxistral orquestración de Maurice Ravel (1875-1937). Músorgski compuxo esta suite inspirándose en dez cadros incluídos na exposición póstuma do seu bo amigo, o artista e arquitecto, Víktor Hartmann. Curiosa é a obra do compositor romántico alemán F.Mendelssohn (1809-1847) “Lieder ohne Worte”, “Cancións sen palabras”. Este conxunto de oito ciclos, cada un composto por seis pezas curtas para piano só, representa o paradigma da música que, sen estar ligada a un texto concreto, calquera de nós podería imaxinar fermosos versos conectados a tan claro exemplo de lirismo e beleza. En contraposición temos os dous ciclos de cancións que F.Schubert (1797-1828) compuxo sobre poemas do autor alemán Wilhelm Müller: “Die schöne Müllerin” e “Winterreise”. Sinerxía perfecta entre poesía e música, conectados ademais cos cadros do paisaxista alemán Caspar David Friedrich -véxase a pintura “O camiñante sobre o mar de nubes”-.

O mundo que nos rodea está cheo de posibles historias inventadas, momentos que nos inspiran unha imaxe, unha palabra. Sentarte nun banco pola rúa e imaxinar contos

sobre a xente que camiña inmersa nos seus pensamentos, os contos arredor da lareira en tempos antigos ou modernos -como disfrutamos hai uns días a miña querida Carol e máis eu entre risas, queixo e chocolate-. A imaxinación non coñece límites e calquera situación do día a día pode dar pé ao comezo dunha gran historia. Xamais é posible saber con seguridade qué misterios agochan o interior das cousas, sexan persoas, un poema, un cadro ou mesmo o ourizo dunha castaña. O que por fóra pode parecer agreste e cheo de espiñas, pode rematar por sorprendernos e amosarnos auténticas xoias ocultas.

«Hasme oír,

Agora busco que conxugues ben

o verbo dos posibles,

e que ti esquezas esa radio de cousas previas

amarrada sempre aos pensamentos.

Hasme oír: déixate

Que te percibas a ti,

Tamén ti atropelada das palabras,

á procura de trazos que nos

describan.»

“Intempériome” de Xela Arias (1962-2003).

0.14476108551025