Conversa con Adolfo de Abel Vilela, historiador e escritor

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
12 Feb 2023

Por Fernanda Arrojo.

Este Doutor en Xeografía e Historia, centrou o seu campo de actuación na súa cidade natal: Lugo

Aínda que a súa formación multidisciplinar comezou sendo técnica, sempre lle gustou a Historia e o Arte, motivo polo que co paso do tempo a súa formación foi máis humanistica, licenciándose en Xeografía e Historia na especialidade de Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela.  Posteriormente doutorouse en Madrid sendo a súa tese doutoral: “A Arquitectura Isabelina e da Restauración en Lugo”.

Cando empezaches a ter interese por coñecer a historia de Lugo? 

Pois meu interese naceu cando tiña nove anos ao caer nas miñas mans o libro de Salvador Castro Freire, “Lugo y sus hombres”, que me chamou a atención porque tiña unhas fotos antigas de Lugo. Daquela, nos anos cincoenta, Lugo non era unha cidade pequena.  O que pasaba é que a maioría dos seus veciños, sobre vinte mil persoas, vivían dentro do recinto amurallado. Na actualidade, non chegan aos tres mil. 

Por que?

Porque a cidade comezou a desenvolverse para fóra das Murallas por razóns obvias: a existencia de  novas edificacións, con outras comodidades. E así, íase despoboando o recinto histórico. Outros barrios prosperan, como a Milagrosa, Albeiros, ou o barrio de Feixóo coa instalación de empresas como Frigsa, que precisan de moita man de obra e que tratan de vivir preto do traballo. 

Os cincoenta foron un período de gran desenvolvemento para Lugo?

Si, porque se fai moita obra pública, edificios emblemáticos e importantes coma a Residencia Sanitaria,  o Goberno Civil, o Edificio de Sanidade,  os institutos Masculino e Feminino, na Praza de Ferrol o Instituto de Previsión, onde estaba o chalet de Nemesio Cobreros.

E cando comeza a prosperar fóra do recinto amurallado? 

Co Desarrollismo dous anos sesenta, cando a xente comezou a posuír vivendas, a ser propietarios dos pisos, promovendo o sector da construcción fóra de Murallas, entre outras razóns porque os terreos eran máis baratos, en detrimento do casco histórico, dando lugar a moitas casas abandonadas, algunhas delas estragadas. Tamén houbo a eliminación de construcións de finais do século XIX, interesantes pola súa arquitectura e que non foron  rehabilitadas, por mor da construcción de edificios contemporáneos.

Cando se valora a Muralla? 

Ao longo da historia, a Muralla sempre tivo defensores e detractores, estando en perigo de desaparecer porque dicían que era un impedimento para o crecemento urbanístico da cidade. Pero no caso de Lugo, non era certo xa que dentro do recinto amurallado houbo, e aínda hoxe hai, terreos libres para edificar e sempre houbo a solución de abrir novas portas para establecer unha fácil comunicación entre o centro da cidade e a periferia.   Certo é que foi na década dos setenta, sobre todo, tras a eliminación das casas adosadas, cando comezou a percibirse de forma diferente o monumento, pola súa importancia histórica de mil setecentos anos de existencia, conservando e obtendo o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. Xa en 1921 foi declarada Monumento Nacional.

E que motivou esta declaración? 

Cinco veciños de Lugo denunciaron ao alcalde Ángel López Pérez por dinamitar unha parte da Muralla para abrir a porta do Bispo Odoario e, ao mesmo tempo, derrubáronse dous cubos para vender os solares para construír a porta da Estación.

Aínda que tiñan nomes e apelidos, éstes eran ficticios e iso ao alcalde non lle gustou. O Consello de Ministros ordenou agradecerlles a súa actitude cívica e  declarouna Monumento Nacional, impedindo así calquera intervención do Concello.  Seguramente, os denunciantes utilizaron nomes falsos para evitar enfrontarse ao rexidor. 

A Muralla é máis ca un monumento?

Si, dende o século XVIII se utilizaba como paseo porque as rúas estaban en mal estado, algunhas eran de terra, outras estaban mal empedradas.   E a Muralla era un paseo moi agradable, sobre todo cando non chovía, que permitía pasear, vendo magníficas paisaxes ao non ter edificios fóra dela, por exemplo, dende Porta de San Pedro víanse os Ancares e polo suroeste o Picato.

E porque Lugo é unha gran descoñecida? 

Porque sempre foi cidade de paso, agardamos que, melloradas as vías de comunicación, as autoridades promocionen Lugo como parada e destino. Aínda os propios lucenses descoñecen a nosa cidade, por exemplo, no Balneario non hai Termas romanas, senón Baños porque a auga xa sae quente da terra, a corenta e dous graos.

Cal é o gran atractivo turístico da cidade?

O mundo romano e como xa temos algúns xacementos arqueolóxicos musealizados, agardamos contar dentro de pouco cun museo da romanización no Cuartel de San Fernando, con miles de pezas que se atoparon nas escavacións feitas dende 1986.

Que opinas do ascensor que fai accesible o adarve da Muralla? 

As pedras non deberían ser sacralizadas, ademáis a plataforma só afectaría a un trouciño do pectoril que podería non ser xa de orixe romano, e como sempre se buscou a funcionalidade do monumento, non creo que o ascensor prexudique a Muralla.  Que temos que facer para valorar moito máis a nosa cidade?   Hai que valorar o que temos e para valoralo temos que coñecelo.

Por exemplo, a través das túas guías divulgativas?

Si, entre ellas destacó a da Muralla, a de Lugo que fala do conxunto de Monumentos, a da  Catedral e a do Coro desta.

ADOLFO DE ABEL VILELA

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16657185554504