Conversa con Adrián Vigo, músico con parálise cerebral

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
15 Dec 2023

Por Fernanda Arrojo.

Cada 3 de decembro, a UNESCO conmemora o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Querendo superar o enfoque médico-sanitario, o termo discapacidade substitúese na actualidade polo concepto de Diversidade Funcional, facendo fincapé non nos déficits senón nas capacidades da persoa. Por iso, quero aproveitar para entrevistar a Adrián Vigo, compositor e vocalista con Parálise Cerebral.

Nado na Terra Chá (Begonte, 1988), sempre estivo moi vinculado a Lugo onde se formou e se deu a coñecer.

Que discapacidade tes?

Teño recoñecida unha discapacidade física do oitenta por cento como consecuencia dunha lesión cerebral sufrida durante o parto, deixándome secuelas na miña vista e na mobilidade, sobre todo no lado dereito, que está máis afectado que o esquerdo, tanto na perna como na man.

Sempre tiveches moi claro que a música era o teu?

Si, con só tres anos empecei a tocar o piano que lle regalaran ao meu irmán para a súa primeira comuñón, ou mellor dito un órgano de oito oitavas, cun dedo da man esquerda.

Tes familiares que se dediquen á música e que che axudaron neste proceso de aprendizaxe?

Si, o meu avó era batería e trombonista. Foi el quen me ensinou as primeiras notas de solfeo. O meu irmán tamén toca a guitarra e canta. Ten un grupo, “Berta Franklin”. E ademais, sendo deseñador gráfico, é quen me fai as portadas dos discos, os carteis... E coma aprendín de forma autodidacta, tocaba coas mans cruzadas. Facía a melodía coa man esquerda e o acompañamento coa dereita.

Pero como tocas o piano se tes unha man afectada?

Cando toco cambio a dixitación, é dicir, se debo tocar cada nota cun dedo, en lugar de usar os dez, toco con tres da man dereita e cos cinco da esquerda. Cambio a numeración dos dedos na técnica do piano.

Por que aprendiches de forma autodidacta?

Porque non fun ao conservatorio ata os 12 anos, idade na que me matriculei no de Vilalba. Alí querían que aprendera a tocar o violín xa que non confiaban en que puidese manexar un instrumento como o piano pola miña falta de destreza nos dedos da man dereita. Pero o violín non me gustaba e saín do conservatorio a metade do curso. Durante un tempo deixei a miña formación musical porque tiven que someterme a varias intervencións cirúrxicas. Ata que fun á Escola de Música do Concello de Rábade onde me ensinaron a tocar o piano moderno. Despois fun ao de Guitiriz e, no ano 2008, asistín á escola privada de música “Aulos” onde coñecín ao meu mentor, o mestre David Taboada, e con el comecei unha longa viaxe. Tamén destaco a axuda que me ofreceu a miña profesora de canto, Janet Salinas, do Centro de Ensino Musical Rossini de Lugo.

Profesor que tamén descubriu outra faceta en ti?

Si, ademais de tocar, David descubriu que eu compoñía cancións. Mostreille unha das miñas composicións e gustoulle tanto que me pediu que a gravase.

Que canción era?

“O corazón dunha estrela”. E así, empecei a compoñer máis e a gravar o meu primeiro disco en 2015: “Profunda Amistad”. Un disco feito moi artesanalmente sen outros músicos que non sexan os propios Adrián e David, pero que consegue vender máis de mil copias. No segundo, “Reflejos”, buscamos un son máis profesional, xunto co produtor Xabier Vizcaíno e os arranxos do propio David Taboada. Neste traballo contei coa colaboración da cantante Lucía Pérez, coa que gravei algúns dos temas e á que lle agradezo moito a súa participación.

Á hora de compoñer, en que te inspiras?

Adoito inspirarme moito na natureza e cando quero moito a alguén adoito dedicarlle unha canción. Son moi romántico, aínda que hai letras que fan referencia a pensamentos moi introspectivos sobre a amizade, a superación persoal ou o amor á ‘terriña’.

E que estilo teñen as túas composicións musicais?

O meu repertorio é moi variado: pop, rock, cancións galegas... e sobre todo baladas, aínda que estou empezando cos sons latinos, como a bachata.

O pasado mes de xuño, saiu o teu último disco?

Si, “A estrela que me guía”, un disco dedicado a meu pai, falecido hai catorce anos, e no que intento facer un recompilatorio dos meus vinte anos de traxectoria, acompañado unha vez máis por David Taboada, o seu produtor e profesor, e unha banda composta por: Tania Capón ao violín; Charly López ao baixo; Borja García á batería e Álvaro Villamarín á trompeta.

A túa traxectoria foi un camiño de obstáculos?

Certo que non foi un camiño doado. Atopei múltiples negativas: desde o conservatorio, ata cando trataba de cantar as miñas cancións nunha orquestra porque non daba unha imaxe axeitada. Ter que sentarse é unha gran limitación para moitas delas. E tampouco lles podo botar unha man noutras cousas, como montar o escenario. Algún concello contratoume, ademais do meu. O de Lugo é o que máis me axudou.

Agora estás cantando en concertos solidarios como foi o do 17 de novembro no Auditorio “Gustavo Freire”, colaborando coa asociación “Somos Contra o Cancro”, pero no futuro que che gustaría facer?

Agora estou cun produtor dominicano, Robert Frías, que tamén ten a súa propia academia, Estudio Música Lugo, que é tamén un estudo de gravación. Para min non hai barreiras que non sexan as que eu me poña. E eu me propoño subir tres chanzos na miña carreira profesional: un, tocar nun gran auditorio da cidade da Coruña; dous, actuar en Madrid, a que nunca fun; e tres, gravar outro disco co pulo de alguén como Robert.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1574821472168