Conversa con Camino Casabella, artista plástica e profesora de debuxo

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
12 sep 2023

Por Fernanda Arrojo.

Camino Casabella é unha artista plástica afincada na cidade de Lugo. No ano 2003 obtivo a Licenciatura en Belas Artes, na especialidade de Pintura, pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo) e traballa como profesora de Debuxo en Secundaria e Bacharelato. En 2015 rematou o Ciclo Medio de Serigrafía Artística na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, recibindo o premio ao mellor expediente.

Aínda que resides en Lugo desde sempre, estás moi vinculada á Mariña Lucense, verdade?

Si é certo xa que nacín en Lugo, pero meus pais decidiron rexistrarme en Alfoz de onde son eles. E paso gran parte do verán alí coa miña familia.

Cando descubriches a túa vocación como pintora e artista plástica?

Xa na gardería, cando tiña tres anos, ás miñas profesoras gustábanlles os meus debuxos, chamábanlles moito a atención e no colexio fun gañadora de varios premios en cousas creativas, tanto debuxando como nas redaccións. No instituto xa tiña moi claro que quería facer Belas Artes.

Que lles pareceu aos teus pais?

Moi ben, encantáballes, e querían que fixera o que me gustaba. Niso tiven moita sorte, sei que moitos pais non queren que os seus fillos se dediquen ás profesións artísticas xa que non lles ven saídas laborais.

E teñen saída?

Eu penso que cando alguén é bo nalgo sae para adiante. O que non pode ser é que sexa unha persoa frustrada por ter un traballo que non lle interesa. O importante é que lle guste, porque para facelo ben ten que poñer moito da súa parte.

Es profesora en Secundaria, gústache o ensino?

Si, por suposto, o que pasa é que na actualidade a Educación, en Galicia, está a pasar por unhas circunstancias moi duras debido aos recortes no Ensino Público. Isto tradúcese en aulas masificadas con escaseza de apoios dirixidos, fundamentalmente, ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e con dificultades de aprendizaxe coma a nenez inmigrante que non coñece ben o idioma castelán. En resumo que necesita un apoio extra.

A que te refires coa masificación?

A aulas con trinta alumnos, menos que cando eu estudaba (chegábamos a ser corenta), mais agora hai unha gran diversidade e necesitan profesores e clases de reforzo e contidos adaptados.

Na túa área afectan os recortes?

Moitísimo, máis que noutras, especialmente, en canto aos materiais que se poden empregar en Plástica. Non é o mesmo ensinar cando tes arxila para modelar ou pinceis de calidade e papel de tamaño grande para pintar. Así é como os nenos e nenas desfrutan coa aprendizaxe. Nestes momentos están a traballar en folios e coas pinturas que traen da casa. Isto fai menos atractiva a materia e moito máis difícil ensinar.

Supoño que te atopaches con xente que considera que a Plástica, o Debuxo non son importantes?

En xeral, existe unha percepción de que as artes plásticas son prescindibles e que non son importantes para o futuro profesional do alumnado. Eu opino todo o contrario, a creatividade e moitas outras habilidades que se traballan na Plástica son fundamentais. En realidade, as artes deberían ocupar un lugar central na educación pública, aínda que sucede o oposto, porque o acceso ás elas é cada vez máis difícil para as persoas menos privilexiadas. Ademais, a Plástica fomenta a inclusión nos centros, xa que moitos nenos con talentos diversos e capacidades diferentes brillan nesta materia ao poder desenrolar todas elas. A Educación Artística tamén contribúe a mellorar a saúde mental do alumnado, ao permitir a expresión persoal nunha contorna relaxada e favorecendo o traballo colaborativo a través de proxectos colectivos. Pola miña propia experiencia, eu comprobei que traballando en equipo, os nenos e nenas con dificultades aprenden moito mellor que se fora individualmente. Cando eles e elas colaboran e aprenden dos demais compañeiros e viceversa, a clase funciona moito mellor.

Podes falarnos dalgunha desas experiencias?

No colexio de Castroverde pintamos un par de murais en grupo, tamén pintamos camisetas, e deseñamos a maqueta dunha cidade, coa que aprenderon cuestións urbanísticas e conceptos como o das escalas, o paso da representación bidimensional ao espazo tridimensional, e a construción de corpos xeométricos.

Pensas que co abuso dos dispositivos dixitais a nenez perde habilidades?

Si, exactamente. Teño que ensinarlles destrezas moi básicas, como medir cunha regra, cortar cun cutter…

Falas de Castroverde, pero o curso pasado estiveches nun instituto de cidade, cales son as diferenzas?

Principalmente, a masificación das aulas. A diversidade está en todas partes, pero hai máis problemas para atender ao alumnado en xeral e de convivencia. Non é igual organizar un centro grande con moito alumnado que outro máis pequeno que permite unha atención personalizada. Ademais a nenez do medio rural pasa máis tempo coas súas familias en circunstancias menos estresantes.

Traballas os temas sociais?

Si, ademais de facer un proxecto artístico, moitas veces trato de introducir contidos transversais para favorecer a reflexión sobre os grandes problemas sociais coma a desigualdade de xénero, a discriminación por calquer condición (raza, orientación sexual, discapacidade…), o cambio climático… Aproveitando as datas sinaladas no calendario como o Día Mundial do Clima e dependendo do momento da programación do curso, traballo de forma diferente.

A través da túa traxectoria, expresas o teu interese por este temas?

Si, por exemplo, cando fixen as exposicións colectivas “Artistas Polo Clima” ou “Bravas” (Caldiae Factoría Cultural, Lugo), ambas foron coordinadas por min. No ano 2019 participei na exposición colectiva “Ha(v)-belas. Sete mulleres que falan a través da arte”, no Vello Cárcere, xunto a Anusca, Alba Díaz, Bego Pérez, Isabel Somoza, María Mata e Susana Vilanova.. O obxectivo da mesma era exteriorizar a creación artística de mulleres de Lugo.

Coñécese máis pintores homes que mulleres, cal pensas que é a razón?

A razón é resultado dun problema que existe, especialmente, nas artes plásticas xa que se trata dun mundo que non está moi ben regulado profesionalmente e predomina moito a desigualdade. As persoas que ocupan postos de decisión son homes e tenden a dar máis oportunidades a outros homes. As cifras corroboran esta desigualdade. Segundo a Asociación de Mujeres en Artes Visuales, no seu informe de Ferias de Artes de 2023, e na de Arco Madrid houbo un 37,3% de artistas mulleres, da cales só un 17,3% eran españolas. Cifras que foron aumentando paulatinamente desde 2019. Para evitar esta desigualdade, cando fun Coordinadora de Cultura en Lugonovo, dende marzo de 2019 ata marzo de 2020, dirixín unha Programación Cultural Anual adicada unicamente a mulleres artistas, algo que puidemos facer realidade por primeira vez dende unha plataforma cidadá lucense, en colaboración con Caldiae Factoría Cultural. E en colaboración con En Marea coordinei unha exposición de arte colectiva itinerante, titulada “A Loita Feminista Pola Igualdade No Deporte”.

Na actualidade estás levando a cabo algún proxecto artístico?

Si, continúo cun proxecto que comecei en 2016. Trátase do proxecto “Heroínas De Tódolos Días”, que xa mostrei na miña primeira exposición individual en 2018 no Centro Asociado da UNED de Lugo e, posteriormente, na Escola Oficial de Idiomas e en Lugonovo. Con este traballo intento cambiar a forma na que tradicionalmente se representa ás mulleres, como obxectos ou nun lugar subordinado. Trátase de poñer no primeiro plano ás mulleres que a pesar de ser heroínas reais, xusto as que necesitamos, e que veñen a cambiar o mundo, son esencialmente pouco recoñecidas, porque os heroes teñen que ser os machos capitalistas. Son persoas normais que nun momento determinado se atoparon nunhas circunstancias fóra do común, que as levaron a comportarse de xeito heroico e levar a cabo verdadeiras proezas, empregando cualidades como a empatía, a colaboración e a intelixencia emocional, contribuíndo á sociedade e rachando estereotipos polo camiño. Entre elas están Raisa Carolan, Ciara Lawrence, Anna Gabriel, Connie Mudenda, YSÉE, Charlotte Courbe, Jessica Greenfield, Eva Tolage ou Edel Harris, que destacan en diversos ámbitos.

Que máis problemas te preocupan?

En marzo de 2022 contribuín a crear a campaña “Outro Garañón... na Muralla?”, da que son voceira, en colaboración con representantes de Adega (Asociación Para A Defensa Ecolóxica de Galiza), do Foro do Camiño Primitivo (que integra a unha trintena de colectivos e profesionais que defenden a ruta máis antiga de peregrinación a Santiago de Compostela), e outros cidadáns. Con esta campaña buscamos concienciar á opinión pública, e conseguir a implicación dos grupos políticos do Concello de Lugo para impedir que se leve a cabo un agresivo proxecto de especulación urbanística aprobado en 2019, no punto no que conflúen a Muralla Romana e o Camiño Primitivo, ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O noso obxectivo é a retirada de dito proxecto, e a proposta dunha solución alternativa máis respectuosa co Patrimonio, e que responda ao interese xeral. Esta campaña segue adiante na actualidade e temos concentracións diante da porta de San Pedro.

Que che gustaría engadir?

Que a cultura ten que reflexar a realidade dunha sociedade, algo que non sucede hoxe en día, porque a metade da poboación non está suficientemente representada. Ademais a arte non é prescindible, é vital, e funciona como motor de cambio: cando ves unha película, un cadro, escoitas música… transfórmate.

Camino Casabella
0.1117639541626