Conversa con Francisco Javier Farnes Caminero, director da ONCE en Lugo

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
Fernanda 300x300
21 Ago 2023

Por Fernanda Arrojo.

Nado en Barcelona hai cincuenta e un anos, de pais andaluces e avós manchegos, estableceu a súa residencia permanente en Lugo, xunto coa súa parella lucense e actual muller, a finais do ano 2000.

Cando foi a primeira vez que viñeches a Lugo?

En maio de 1997 vin de vacacións co meu cuñado. El padece retinite pigmentosa e coñeceu a miña irmá nun centro de rehabilitación da ONCE en Sabadell. A miña irmá xa perdera a visión, pero eu aínda seguía vendo o suficiente como para poder conducir.

Cando perdiches a visión?

No ano 2006, aos trinta e cinco anos, por neuropatía do nervio óptico ou neuropatía de Lebher, causada por unha mutación xenética que dana as células do nervio óptico, con perda total ou residual da visión. No meu caso, teño unha visión restante do 4 ou 5%.

É hereditaria?

Si, é herdado polo ADN mitocondrial das células reprodutoras da nai. A enfermidade pode desenvolverse ou non. Pasoulle á miña irmá cando tiña dezanove anos e a mim despois. É máis común nas mulleres. A min diagnosticouma no ano 2007 o doutor Brañas, neurólogo de Lugo xa que é unha enfermidade neurooftalmolóxica.

Daquela xa coñecías a enfermidade?

Si, a través da miña irmá, pero dixéronnos que era moi difícil que a desenroláramos os demais. Teño outras dúas irmás que non a teñen.

E como o levaches?

Ao principio pensei que podía superalo, pero despois de pasar unha semana no hospital afilieime á ONCE porque xa sabía o que supoñía esta enfermidade e tiña que mostrar coraxe e ánimo para saír adiante. Cando me afiliei, fixen a solicitude de case todos os servizos de atención persoal (axuda psicosocial, autonomía persoal con bastón, desenvolvemento do tacto e aprendizaxe do manexo das moedas, adaptación tecnolóxica con programas informáticos de lectura de voz como JAWS, aprendizaxe do sistema Braille...), coa excepción do can guía que non necesito debido o meu resto visual. Foron catro meses como catro anos longos, nos que tiven un golpe psicolóxico ante os cambios sufridos no meu día a día. E grazas a estes servizos da ONCE, que foron o meu salvavidas, puiden saír dese túnel. Lembro especialmente a primeira vez que camiñei só pola rúa cun bastón. Sentín a mesma sensación que ten un neno cando comeza a camiñar. Todo é novo! E o que máis me custou, psicoloxicamente, é deixar de facer cousas como conducir. Depender de quen te leve, doe moito. Porén, sigo facendo outras cousas como correr cun guía atado a unha corda.

Cal é o requisito para afiliarse á ONCE?

Ter unha perda de visión de polo menos o dez por cento.

E para ser axente de vendas da ONCE?

Ter as condicións físicas e psíquicas necesarias, manexar ás moedas e o diñeiro e, por enriba de todo, unha actitude de compromiso coa Organización. Logo xa se adquirirán o coñecemento dos productos.

Ti fuches vendedor?

Si, ata hai relativamente pouco tempo. Cando entrei na ONCE, no ano 2007, ofrecéronme a posibilidade de adaptar o meu posto de traballo. Traballaba como contable nunha empresa privada de Lugo xa que eu teño estudos de administrativo de Formación Profesional. Daquela era moi complicado adaptar os programas de contabilidade e escanear toda a documentación utilizada, algunhas moi antigas. E por iso solicitei o posto como axente vendedor, a miña experiencia laboral (coñecer a moita xente en axencias, bancos e empresas) xunto coas miñas habilidades sociais, axudáronme a lanzarme ás vendas, ás que me dediquei durante quince anos ata que me propuxeron ser o director da Axencia da ONCE en Lugo. Primeiro fixen substitucións en varios quioscos da cidade ata quedarme no da Rúa da Raíña. Ademais, desde hai catro anos formo parte do Consello Territorial de Galicia como representante dos afiliados.

Como vos tratamos as persoas sen discapacidade visual?

En xeral trátannos ben. Hai xente que admira o noso afán de superación e hai xente que lle custa poñerse na nosa situación. Atópome con persoas que non se afastan cando se cruzan por diante. Incluso, cando entro nalgún bar escoito como comentan que se vexo máis do que digo porque me defendo moi ben. E non saben que durante o proceso de rehabilitación que nos ofrece a ONCE aprendemos algúns automatismos, adquirimos algunhas habilidades para ser máis autónomos, sobre todo se temos algún resto visual.

Como teremos que tratarvos?

Con normalidade. Tendo en conta a nosa limitación, é importante que a xente nos valore a loita pola integración social e adaptación. Calquera pode chegar a padecer unha discapacidade visual e por iso a ONCE sempre xoga un papel fundamental. Mercar un cupón é algo rnáis que un xogo. É unha obra social. É dicir, a cidadanía colabora no noso proceso de rehabilitación aportando unha colaboración económica, mediante os xogos de azar, que se devolve á sociedade de novo nas prestacións e servizos sociais da ONCE. Ademais dos servizos de atención persoal que xa comentei, hai outros como: o xestor de libros dixitais e o servizo bibliográfico no que se narran oralmente máis de 5000 libros; prestacións económicas para persoas con recursos limitados; TIFLO ou técnico instrutor de adaptacións tecnolóxicas; subministración de material de estudo para escolares e universitarios; e, por suposto, accións colectivas e de animación sociocultural. E na Axencia de Lugo prestamos todos estes servizos a trescentas vinte e cinco persoas con discapacidade visual grave e cegueira. A afiliada máis nova ten tres anos, e a maior cento catro. A ONCE en Lugo conta con sesenta e seis vendedores, vinte e nove deles na capital.

Lugo é accesible para persoas con discapacidade visual?

Aínda que hai moitas cousas que mellorar, intentan que así sexa, sobre todo por parte do Concello hai boa vontade. Mais hai que levala a cabo, por exemplo, instalaranse sistemas de audio nas paradas de autobús para adaptar a información visual, sistemas de audio nos buses urbanos, eliminación de obstáculos nas beirarrúas, etc.

francisco javier farnes caminero director once lugo
0.1149480342865