Conversa con Lorena Lavandera, ilusionista

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
19 Xan 2024

Por Fernanda Arrojo.

Lorena é unha das poucas artistas polifacéticas que leva a cabo espectáculos nos que mestura maxia, música, poesía, humor... Naceu na cidade máis fermosa do mundo para ela, Tandil, no centro da provincia de Bos Aires (Arxentina).
Foron os teus pais os que che inculcaron o amor polas diferentes artes?
Por suposto. Eu, dende pequena, soñei con ser artista. Miña nai, modista de alta costura, tiña un espello moi grande nunha habitación que servía de probador para as clientas. E eu encerrábame para interpretar, cantar ou bailar diante del. Ademais, estaba meu pai, que sempre foi para min un orgullo.

O teu pai dedicábase á maxia?

Era un ilusionista, coñecido polo mundo como René Lavand. Para el, a maxia ben podería estar relacionada coa arte escura e coa feiticería, pero tamén coa natureza, como o cheiro a herba mollada cando paseaba polo campo. Considerábase un creador de ilusións, facía soñar ao público que o vía. E iso é o que aprendín del: amor pola natureza, respecto polas diferentes artes...

Cando te decataches de que querías ser artista?

Cando era adolescente asistín a cursos de clown, de mimo na miña cidade, estudei canto... ata que as circunstancias da vida me levaron por outros camiños, deixando esquecida a miña vocación artística. Moito tempo despois, xa en España, cando coñecín ao meu actual marido hai dezaseis anos, a miña mente abriuse a outras cousas: teatro, música... Ver como gozaban outros artistas co que eles facían e poder vivir diso, é cando comecei a emocionarme. Porén, foime moi difícil tomar a decisión de dedicarme profesionalmente a ela, que se produciu hai só ano e medio por diversos motivos: a presión de ser filla de quen son; polas miñas fillas que eran pequenas; polo meu traballo... Resultoume moi difícil. Pero este soño latexaba cada vez máis forte, víñame, dáballe de comer un pouco, outras veces deixábao durmir...

Sei que ti es unha moi boa actriz.

Grazas. Cando morreu meu pai paseino moi mal porque non puiden despedirme del e, non aceptando esa circunstancia, empecei a sentirme mal e a sentir angustia, chegando a tomar medicamentos e autoimpoñerme como terapia asistir a clases de teatro e tango. E nunca fora a clases de teatro como tal e foi alí onde descubrín unha paixón desenfreada. Lembro que a miña primeira actuación foi recitar un poema escrito polo grupo Hipócrita Teatro, sobre unha versión de ‘Don Juan e Doña Inés’, e saín nerviosa, pero, por outra banda, estaba moi segura do que quería facer e cando rematei sentíame como na casa, coa sensación de que estivera no meu lugar. Desfrutei como ningún outro traballo!

Outra cousa que lle debes ao teu pai é coñecer ao teu marido.

Si. No ano 2006 meu pai invitoume a acompañalo nunha xira por Canarias e Portugal. Nesta viaxe o meu pai presentoume a un dos seus anfitrións, o seu amigo e tamén ilusionista, o Mago Rafa. Namoreime e, por iso, vivo en Lugo.

E que te levou a cumprir o teu soño, a unha idade tardía?

Polas responsabilidades da vida que me levaron a emprender outros camiños e o meu soño de querer ser artista seguiu sendo só iso, un soño. Ata que perdín o meu traballo ao rematar o meu contrato nun supermercado. Eu non podía deixar un traballo para perseguir ese soño, a pesar da miña insatisfacción.

E que te fixo tomar a decisión final?

Pois cando quedei no paro, pensei que era a oportunidade de facelo, agora ou nunca!. Así que, aproveitando unha oferta do noso amigo Dani Polo, organizador do festival “Galicia ilusiona”, para facer un espectáculo familiar de cincuenta minutos, por fin, cheguei a cumprilo. E moi, moi contenta. Non me arrepinto, senón que animo aos rapaces e rapazas que teñan esta vocación artística que cumpran cos seus soños e non tardar coma min. Ademais, en Galicia a maxia é considerada unha arte escénica e podemos entrar nos circuítos de teatro.

Que espectáculo é?

Rafa e eu o deseñamos tomando un café. En dúas horas e media xa tiñamos a idea do que quería facer, cal sería o fío condutor e que xogos de maxia realizar. E así naceu ‘A vida mesma’. estreada en agosto de 2022 e que se desenvolve ao longo das diferentes etapas da vida, desde a infancia ata a vellez, coas súas cousas positivas e as súas negativas, tendo cada etapa unha ilusión ou xogo de maxia. A miña finalidade, ademais do entretemento, é que o espectador poida levar algo diferente, tocando as emocións. E aínda que me gusta moito traballar para nenos, interésame especialmente tocar a fibra dos adultos. Despois, en outubro estreei ‘Milagro Verde’, un número para presentar en galas, no que lembro momentos dende a miña infancia ata hoxe. É unha homenaxe ao meu pai, a persoa que me ensinou a apreciar a beleza da sinxeleza. Un bo recordo é unha fotografía feita co corazón para convertela nun momento especial e inesquecible. Iso é o que pretendo co meu número.

No mundo da maxia hai máis homes que mulleres. Foiche máis difícil por ser muller?

Agora hai máis mulleres, aínda que é certo que predominan os homes. Mais nunca me sentín discriminada, pola contra, sempre me trataron moi ben por onde pasei. Penso que cando deixen de facerse este tipo de preguntas, teremos conseguido eliminar as diferenzas. Hoxe en día, os promotores de espectáculos adoitan contratar artistas de ambos sexos en interese desa igualdade. Eu, por exemplo, admiro moito a Tina Lenert, maga, mimo e arpista estadounidense. Ten un bonito número, moi poético, que combina elementos de pantomima e maxia. E coñézoa porque facía de intérprete de meu pai, polo tanto, leva moitos anos neste mundo.

Nos espectáculos creas un personaxe ou interprétaste a ti mesma?

Aprendín de Rafa que a mellor forma de chegar ao público é ser ti mesma. Por iso, polo momento, non creei ningún. Desexo ser auténtica.

0.1656858921051