Conversa con María García, unha muller inqueda

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
Unha serie de artigos, breves e sen pretensións que expoñen o punto de vista de Fernanda Arrojo para recomendar as visitas a Lugo
6 Feb 2024

Por Fernanda Arrojo.

María García é unha muller inqueda que non se mete en máis aventuras porque o día só ten vinte e catro horas.

De onde veñen as lembranzas da túa nenez?

A miña infancia transcorreu no rural. Teño moi bos recordos, en especial, das vacacións que pasaba na casa de meus avós maternos, preto de Baralla, nunha aldea considerada un paraíso terreal polo seu microclima, que facía medrar todo tipo de árbores froiteiras e de especies animais, entre elas os grilos.

Cando vés para Lugo?

Logo de estudar a carreira de Maxisterio. Xa fixera na cidade o Bacharelato e o COU, pero ía e viña, xa que daquela vivía con meus pais no Concello do Corgo.

Entón es mestra?

Si, na especialidade de Pedagoxía terapéutica, logo en Audición e linguaxe, Primaria e polo medio fixen psicopedagoxía, porque me interesaba moito todo o que ten que ver coa psicoloxía da aprendizaxe e como poder ensinar mellor. Na actualidade estou dando clase no CEIP de Albeiros.

E como muller inqueda, sempre preocupada pola situación dos nenos e das nenas?

E agora preocúpanme moito máis porque non os estamos protexendo, a nosa sociedade non está entendendo a nenez, por iso temos cada vez máis nenos ansiosos, hiperactivos, estresados.... infelices en xeral. O seu tempo está cheo de actividades e non dispoñen del para explorar o mundo desde eles mesmos e construír a súa personalidade relacionándose libremente con outros cativos e cativas da súa idade. Sempre teñen alguén a carón que lles di o que teñen que facer. E ese alguén pode ser unha pantalla... Resulta un auténtico perigo.

Tamén estás moi interesada noutros problemas sociais e fixeches voluntariado?

Si, nos anos 90 e principios de século. Primeiro en Auxilia e logo no Colectivo AdianteXá, que foi unha maneira de aprender e de colaborar ao mesmo tempo. E como estivera no grupo de teatro da Escola de Maxisterio, en Auxilia propuxera crear un obradoiro de teatro co grupo numeroso de menores con discapacidade que había daquela na entidade.

Entón o teatro xa estaba presente na túa vida?

Entrou na época de estudante e non me abandonou. Sempre permaneceu aí.

E como muller inqueda es actriz afeccionada?

Si, eu son actriz por amor, no sentido amplo da palabra e, fundamentalmente, por amor ao mundo do teatro. Pertenzo ao grupo de teatro afeccionado Hipócrita Teatro.

E como muller inqueda escribiches algunha dramaturxia do grupo?

Teño un abano moi grande de afeccións e vou buscando como desenvolvelas. Nos inicios do grupo escribín algunhas obras soa ou en colaboración con outros compañeiros, a dúas ou a varias mans, e logo collinlle o gusto... Pero tamén me gusta a escenografía, o vestiario, a caracterización ...un pouco de todo.

E sempre en galego.

O galego é a miña lingua nai e cómpre reivindicala, como lingua minorizada e cerne da nosa cultura, por suposto.

Outra das túas afeccións é a escritura?

Certo, acábase de publicar o meu libro “Alma de grilo”. A curiosidade levoume a explorar a escritura creativa, a buscar maneiras diferentes de expresar os meus pensamentos... e de aí naceu este libro. Como outra maneira de aprender.

E de ensinar tamén?

Que non deixa de ser unha maneira de aprender.

Esta obra é unha recompilación de fábulas?

En conxunto, si. Son fábulas contemporáneas, non hai unha lección moral nelas, Moitas son historias protagonizadas por seres inanimados, son coma metáforas da realidade. Cada historia fala dun aspecto da vida desde o meu punto de vista, que non ten por que coincidir co do lector, xa que a súa lectura entre liñas non ten que ser a que eu quero transmitir. Iso non é o importante, o que importa é que cada persoa lectora faga a súa interpretación, partindo da súa experiencia, do seu pensamento, da súa maneira de vivir ...

Unha obra moi ligada ao medio rural?

Mais co medio rural, ligada á Natureza en xeral.

Por que escolliches ao grilo?

Supoño que o escollín porque na miña infancia abundaban e polo significado que para min teñen. Para min o grilo é a voz da conciencia, esa voz interior, que está moi ben representada na historia de Pinocho con ese “grilo parlante” que tanto fala das cousas agradables como das desagradables, das que non nos gusta oír, pero que están aí.

Encántanme as Ilustracións.

E que complementan as historias. O ilustrador, Julio Seijas, fixo a súa propia interpretación delas engadindo matices e efectos que no están nos relatos, empregando técnicas moi diversas e creativas. Fixo unha magnífica labor. Ademais, os dous coincidiamos en que o libro tivera forma cadrada e que o papel fora dunha textura agradable ao tacto e todo suma. Por certo, está publicado pola editorial Embora e pódese mercar en calquera librería.

Pero máis aló dun libro, Alma de grilo é tamén unha obra teatral?

Certo, trátase dun espectáculo de teatro literario con música en directo, composta orixinalmente para o mesmo por Vadim Yukhnevich, recoñecido músico e compositor bielorruso afincado en Galicia. A composición musical, como ocorre coas ilustracións do libro, está inspirada nas historias, pero engádelles outros matices. O director do espectáculo, José Campanari, que é unha persoa cunha grande sensibilidade e todo un mestre, na posta en escena apostou pola simplicidade e os símbolos universais. Alma de grilo é un espectáculo que apela á emoción, que busca aquilo que nos achega ó outro porque nace dunha necesidade común.

E que vale a pena ler o libro e logo ver o espectáculo...

Ou a inversa, ver o espectáculo e logo ler o libro. As dúas cousas se complementan.

Cal é o significado do vestiario da obra?

Na liña do que che dicía da posta en escena, trátase dun vestiario moi sinxelo, pero á vez moi simbólico. A miña blusa, por exemplo, buscabamos que inspirara unha sensación de flotar no aire co movemento. En conxunto, queriamos que estivera preto do traxe popular. Pensamos nun espectáculo para ser representado en espazos singulares que xa teñen en si mesmos un encanto e que están moi relacionados coas historias. Actuamos nunha palleira en Rábade, nos xardíns do Museo Provincial, no patio dun Hotel con Encanto, na praza dunha aldea de Láncara... E todo vai moi empastado: espazo, historias, música, vestiario... para que sexa sentido desde a emoción.

E para rematar, penso que a túa filla, Elea López, recolleu as túas inquedanzas.

Algunhas delas si, pero supérame en todas. Dirixe a Escola de Artes Escénicas Ítaca, é unha excelente profesora de teatro, tanto de adultos coma de nenos e nenas e, tamén, unha magnífica actriz profesional.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15592312812805