Converxencia

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
10 Oct 2022

Por Rebeca Maseda

No universo existen multitude de elementos que converxen nalgún momento baixo determinadas circunstancias, tanto na natureza como na humanidade. De feito, para que a engrenaxe cósmica poida funcionar con fluidez, resulta de vital importancia buscar puntos de encontro. No mundo dos humanos é fundamental intentar atopar estes espazos en común, especialmente coas persoas situadas nas nosas antípodas. Quero pensar que ao final todo é cuestión de vontade, de querer viaxar na mesma dirección aínda que chegues por camiños distintos.

Ao noso redor podemos observar moitos lugares ou situacións onde a natureza nos mostra a súa infinita sabedoría: organismos que viven nunha simbiose perfecta, aves que axudan a mamíferos eliminando parasitos, insectos beneficiosos para a horta, etc. Sen dúbida, estamos a falar de sociedades intelixentes con conexións inevitables que ademais reportan resultados moi positivos. Por que non practicar máis a imitación? Outro galo nos cantaría...

Hai unhas semaniñas tiven o luxo de presenciar un lugar de converxencia natural moi fermoso e peculiar localizado na cidade alemá de Passau. Aínda que seguramente nunca escoitarades falar dela, trátase dun importante núcleo histórico e xeográfico situado na rexión de Baviera que goza ademais dunha localización estratéxica na fronteira con Austria e a República Checa. Popularmente é coñecida como “a cidade dos tres ríos” xa que no seu corazón únense tres leitos fluviais: o impoñente Danubio e os menos coñecidos Eno (Inn, en alemán) e Ilz. Esa unión dos ríos fixo da cidade un lugar privilexiado e un epicentro comercial e estratéxico moi destacado na antigüidade. Así que, aínda que co paso do tempo quedase no esquecemento para o gran público, Passau esconde moitos tesouros que paga a pena descubrir.

O edificio que máis destaca do seu casco antigo é, sen ningunha dúbida, a Catedral de Santo Estevo, construída en 1688 como sede do bispado e como igrexa principal da diocese de Passau. Este monumento é un claro exemplo do Barroco máis exquisito pero é que ademais, no seu interior atópase o órgano máis grande de Europa con 17.388 tubos, pouca broma!

Na beira contraria do Danubio podemos visitar outro lugar imprescindible da cidade: Veste Oberhaus. Esta impoñente fortaleza medieval construída en 1.219 no alto dun outeiro a modo de residencia dos bispos-príncipes, serviu principalmente como bastión defensivo. Ao longo dos 800 anos que leva en pé sufriu numerosos ataques que levaron a distintas remodelacións e ampliacións, o que provocou que a súa configuración fose evolucionando dunha cidadela gótica cara a un pazo fortificado, chegando mesmo a ser coñecido no século XIX como o “Baluarte de Baviera”. Na actualidade, o seu interior alberga un museo medieval sobre a historia do edificio e da cidade, e ademais, conta cun hotel e cun restaurante panorámico espectacular. É dicir, o lugar idóneo para un auténtico “café con vistas”.

Ben, volvendo ás converxencias naturais, non debemos esquecer que estamos na “cidade dos tres ríos”, así que existe un lugar de visita obrigada: o “Dreiflüsseck” ou punto onde converxen o Danubio, o Eno e o Ilz. Loxicamente a altura é un bo aliado para poder desfrutar de tan extraordinaria panorámica, sendo Veste Oberhaus unhas das mellores opcións a modo de atalaia. Teño que dicir que esta imaxe deixoume realmente impresionada, poder observar con total nitidez como tres linguas xigantes de auga converxen en perfecta harmonía non é un espectáculo cotián. Está claro que neste sentido a natureza regálanos unha valiosa e gráfica lección: converxer para crecer. Por favor, tomemos nota que non costa tanto.

foto artigo rebeca outubro 2022

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16563296318054