Convocada unha nova edición dos premios Agader

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publicou as bases e a convocatoria da décimo segunda edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.
15 Feb 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as bases e a convocatoria da décimo segunda edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A dotación orzamentaria total que destina a Consellería do Medio Rural a estes galardóns é de 80.000 euros, a razón de 10.000 euros para cada un dos gañadores participantes nas oito categorías establecidas. Con estes premios quérense recoñecer por parte do Goberno galego aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explica nas bases e na convocatoria.

Ademais, na resolución que publica o DOG indícase que existen oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa recuperación e posta en valor.

Reinvestimento

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada que executaran un proxecto en Galicia. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá.

Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader, que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios ou que se desenvolvan nos sectores da pesca e acuicultura. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros.

Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

0.13590288162231