Convocadas as axudas para paliar os danos causados polos osos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Os titulares de explotacións afectadas terán un mes de prazo para solicitar as achegas e cubriranse as perdas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025
oso-pardo
3 Jan 2025

A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo. Cun orzamento de 120.000 euros, contía que triplica os 38.000 euros inicialmente reservados en 2024 a esta mesma liña, o obxectivo do Goberno galego é compensar os danos ocasionados polo oso sobre colmeas, gando ou rolos de herba.

Poderán beneficiarse as persoas titulares de explotacións que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia e resultaran afectadas no período comprendido entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, tendo a obriga de notificar o dano á Xunta antes de tres días a través do teléfono 012.

No caso de que os danos se comunicaran con anterioridade á data de publicación da orde no DOG, os interesados disporán dun mes para poder pedir a axuda, mentres que se o ataque se produce a partir de agora, este prazo empezará a contar a partir do día seguinte ao da comunicación oficial.

Esta nova convocatoria enmárcase no paquete de seis liñas de axudas publicadas ao longo das últimas semanas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co fin de previr e paliar os danos ocasionados pola fauna silvestre para garantir a súa convivencia coas actividades do medio rural.

Dotadas cun orzamento global de case 5,6 millóns de euros para 2025, ademais da xa mencionada orde de axudas polos danos do oso, gandeiros e agricultores teñen o prazo aberto para solicitar indemnizacións coas que cubrir os ataques protagonizados polo lobo (unha liña dotada con 910.000 euros) ou polo xabaril (2,02 millóns de euros).

Ademais, tamén se convocaron de cara a 2025 outras tres ordes de subvencións destinadas a apoiar ao sector no establecemento de distintos tipos de medidas preventivas que protexan as súas explotacións e cultivos fronte á fauna silvestre, cun importe total reservado de 2,52 millóns de euros.

Consulta a convocatoria nesta ligazón.

0.15817499160767