Convocadas as axudas para traballadores autónomos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas coas que o Goberno galego apoia a conciliación das persoas traballadoras autónomas.
rexistro xeral ordenador informatica
27 Xan 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas coas que o Goberno galego apoia a conciliación das persoas traballadoras autónomas. Cun investimento de 1 millón de euros, a Administración autonómica concederá apoios para que as persoas traballadoras autónomas que teñan fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo, conten cos apoios necesarios para contratar a persoas que os substitúan no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.

As axudas, que se estruturan en tres liñas de apoio acumulables entre si, poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 30 de setembro.

O primeiro bono está destinado a apoiar a contratación, por parte dos autónomos, dunha persoa desempregada para cubrir a súa baixa de maternidade ou paternidade, ou por risco polo embarazo ou a lactancia. Subvenciónanse as incorporacións por un período mínimo de seis meses e máximo dun ano. Igualmente se outorgan incentivos aos contratos indefinidos realizados coa mesma persoa, unha vez rematado o período de substitución. A achega máxima será, neste caso, de 1.100 euros por mes mentres dure a baixa de maternidade ou paternidade.

A Xunta concede, en segundo termo, axudas á contratación indefinida por parte dos traballadores por conta propia dunha persoa desempregada para o coidado de menores, maiores ou dependentes. O importe máximo da nestes supostos será 7.500 euros, pudendo acadar os 9.000 se a persoa empregada é muller, parado de longa duración, maior de 55 anos, emigrante retornada, ou con discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.

A terceira liña prevé financiar servizos de coidado para as persoas ao cargo do profesional autónomo. Neste caso, a subvención cobre o 75% do custo do servizo de coidados empregado, ata un máximo de 3.000 euros.

Nas tres liñas, a contratación de persoas traballadoras e/ou servizos de coidado, debe realizarse entre o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024.

Mentres, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para o funcionamento das asociacións de autónomos e para a contratación de persoal de apoio, por importe de 350.000 euros. O prazo de solicitude, neste caso, prolongarase desde mañá ata o 26 de febreiro deste ano.

O obxectivo das achegas é apoiar o movemento asociativo das persoas traballadoras autónomas na defensa dos seus intereses, a través de dúas liñas. Así, a primeira está dirixida a financiar gastos de funcionamento destas entidades asociativas, como poden ser os gastos de persoal, o arrendamentos de locais, os gastos correntes ou o servizo de profesionais independentes, entre outros. Neste caso, poderase cubrir ata o 90% dos gastos subvencionables, cunha contía máxima por asociación de 65.000 euros.

Canto á segunda liña, está orientada a gastos de contratación laboral dunha persoa que realice funcións de asesoría e apoio ás persoas autónomas integradas nas entidades asociativas, durante un período máximo dun ano. Poderanse subvencionar todos estes custos salariais, cunha contía máxima da subvención de 32.108,92 euros para contratos de xornada completa durante doce meses.

Enlace do DOG

0.17514705657959