Convocadas axudas para a creación de superficies forestais

RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para a creación de superficies forestais
1 Feb 2021

O Diario Oficial de Galicia publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para a creación de superficies forestais, por un importe de case 8 millóns de euros, para as anualidades de 2021 e 2022 (2 millóns corresponden ao 2021 e os 5,75 restantes a 2022). Estas subvencións destinaranse á creación de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas, coas que se prevén plantar arredor de 4.000 hectáreas de monte galego.

Os beneficiarios desta liña de axudas serán as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Tamén poderán acollerse a elas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

As actuacións que poderán ser obxecto de subvención son os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, que incluirán os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a zona de defensa fronte o lume. Tamén, as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Ademais, mediante esta liña de subvencións apóstase unicamente pola plantación de frondosas e coníferas. Deste xeito, na orde contémplase a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por debaixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas en masas de coníferas ou de frondosas, incrementando deste xeito a descontinuidade e a diversidade de producións dos seu montes.

Deste xeito, trátase de fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas con coníferas e frondosas, procurando a diminución das masas monoespecíficas, favorecendo o aumento da diversidade, así como de aumentar a superficie forestal arborada e reducir o risco de incendios, mediante a valorización dos terreos forestais. Entre as coníferas atópanse o piñeiro silvestre e o teixo e entre as frondosas están, por exemplo, o castiñeiro, o carballo, o ameneiro ou a sobreira, entre outros.

Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210128/AnuncioG0426-110121-0001_gl.html


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15249609947205