Convocan axudas para productores en réximes de calidade

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Consellería do Medio Rural convoca as axudas á nova participación de agricultores e gandeiros en réximes de calidade.
6 Mar 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas á nova participación de agricultores e gandeiros en réximes de calidade, cun orzamento que ascende a 200.000 euros.

Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións agropecuarias que se incorporasen a un determinado indicativo de calidade despois do 18 de novembro de 2015 e que cumpran a condición de agricultor activo. No caso da produción ecolóxica, tamén poderán recibir axuda aqueles que xa tiveran actividade e que incorporen agora algunha nova orientación produtiva.

Ademais, vanse primar aquelas solicitudes de agricultores que se incorporen por vez primeira ao réxime da agricultura ecolóxica ou que incorporen por primeira vez novas orientacións produtivas nese réxime de calidade. Tamén terán preferencia aqueles produtores que se incorporen por primeira vez a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas rexistradas nos últimos anos, os mozos, os titulares de explotacións que se sitúen en zonas de montaña e as solicitudes presentadas por mulleres.

Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade, así como a cota anual de participación. A contía da axuda será do 100% dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), poden solicitarse dende mañá ata o 18 de maio de 2021. Cabe sinalar que para esta convocatoria serán atendibles os gastos imputados á campaña que comprende o período que vai do 1 de maio de 2020 ata o 30 de abril de 2021.

0.20027589797974