Correspondencia entre Manuel María e Gabriel Aresti (II)

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
12 Xul 2022

Por Raúl Río

O 29 de maio de 1970, Gabriel Aresti escríbelle:

“Amigo Manuel María: Espero que che escribiría o amigo Carlos Martínez. Por si se lle pasou explícoche o asunto que, anque é unha pequena bobada sen demasiada transcendencia, téñolle cariño e creo que ti tamén lle collerás cariño.

Falando en prata; existe unha terrible antipatía mutua entre vascos e galegos. Non me meto a analizar as razóns neste momento, anque algún día quizá me meta a facer un estudo. Nestes momentos o único que che podo dicir é que me doe moitísimo esta situación e que nosoutros os intelectuais debemos contribuír en todo e en cada cousa para que desapareza e na vez de odios e rancores exista mutua colaboración, comprensión e respecto entre ambos pobos. Por esta razón é o terceiro ano que, quebrando a miña norma de non ser xurado en ningún concurso e en xeral non aparecer publicamente senón polos froitos da miña pluma, vou sendo xurado do concurso de contos Breogán do Centro Galego de Baracaldo, ademais, para este ano pedíronme unha colaboración para o programa de festas nunha entrañable carta que neste momento che paso a transcribir:

Esta comunidade considera que estando mesturada como está co pobo de Euskadi, inda que conservando os seus valores e respectando os alleos seria de lecer contar no programa cunha mostra representativa dese pobo. Eís a causa de dirixirnos a vostede.

Un programa de festas é pouca cousa, pero creo que estas manifestacións da cultura na súa mesma base son as que teñen verdadeira importancia. Por elo quixen facer unha cousa máis: Na vez de facer un articulo de mala morte, preferín facer uns poemas que aborden o tema abertamente. O primeiro sería unha mensaxe aos galegos que viven aquí e o segundo o mesmo ao pobo vasco. Naturalmente, si quero que me entendan habería de facelo orixinalmente en castelán. Falando con Martínez xurdiu a idea de traducilos tanto ao vasco como ao galego. Para darlle más realce pensamos que na vez de facelo ao galego el ou Domínguez o fixeras ti, que o farías mellor y ademais, co teu nome avalarías a miña mensaxe.

Entón ocorréuseme un terceiro poema para pedirche que ti tamén te dirixiras a ambos pobos, que é o que, como moi especial favor che pido; que me traduzas estes tres poemas en prosa galega e que me fagas un poema no mesmo sentido que os meus para que todo elo apareza no programa indicado e sexa una forte voz a dúo que clame contra esta inxustiza, que é o mutuo odio e desprezo que os vascos e galegos se teñen en Euskadi. Faría unha tirada aparte con una portadiña, cos teus poemas e os meus, e as súas respectivas traducións de uns douscentos exemplares para repartir, cen entre os intelectuais vascos e outros cen entre os galegos.

Faralo? Pero rápido, eh!, que Santiago acércase.

Recibín con periodicidade os libriños que publicades. Están moi ben”.

A continuación fai unha crítica moi sincera da poesía do poeta chairego:

“Das túas cancións hai algunhas que son estupendas, sobre todo as irónicas e as dramáticas:

O home protesta.

A muller baixa a texta

e non contesta.

 

Las líricas baixan moito. Ti e mais eu temos iso en común: Fallo no lírico e superación no dramático. Quizá proveña das nosas inclinacións teatrais.

Eu sigo coa miña labor editorial gastando moitísimas horas, sen gañar un céntimo pero, cos meus camaradas, facendo a mellor obra editorial que nunca se fixo en éuscaro. 

Non che mando os libros porque presumo que ao estar en éuscaro non che interesan. Si che mandarei, sen embargo, o libro da unificación do éuscaro que estou rematando de imprimir. Cando cho mande explicareiche todas as leas que tivemos. Pódeche servir de orientación para o voso caso. Xa sei que que a vosa Academia deu xa as normas ortográficas. A nosa é moito máis cemiterio, que é de cadáveres, e non fai nada. Entón reunímonos os escritores progresistas e conxuntamente coas organizacións das escolas vascas e dos da campaña de alfabetización de adultos chegamos a unha base firme do comezo de unificación da lingua, desde as normas ortográficas hasta un dicionario básico, pasando pola conxugación e a declinación. Máis dun 80% do asunto, para a miña desgracia, é obra miña; un 10% foime imposto contra razón e outro 10% con razón. Podo calcular que nestes momentos un 35% do pobo está con nós e dentro de 7 años estará o 90%.

Avance xigantesco, cando fai 7 años soamente estábamos nesta liña, Mirande en París, eu en Bilbao e Krutwig no exilio roxo.

Un abrazo do teu amigo”.

Non cabe dúbida que a profecía do poeta vasco está mais que cumprida, pois hoxe o éuscaro está unificado e non hai ninguén que se opoña a esa unificación.

0.17548990249634