Cortiñas, da Casa de Aira Padrón: “A xente que vén tamén desfruta desta contorna”

SarriaXa
José Luís Fernñandez Cortiñas, propietario da Casa Aira Padrón: “A xente que vén tamén desfruta desta contorna”
Casa de Aira Padrón 4
16 Jul 2023

Falamos con José Luís Fernández Cortiñas, propietario da Casa de Aira Padrón, situada en Samos.

Que comidas ofrecen?

Ofrecemos menú e carta, antes máis menú e agora máis carta. Na carta os comensais poden atopar pescados e carnes.  En canto aos pescados, temos troitas, calamares, bacallau, dourada, robaliza...

E de carne, que é o noso forte, ofrecemos carne de Tenreira Galega Suprema, cordeiro, porco, cabrito... A nosa especialidade é o cordeiro ou o cabrito asado en forno de leña. Ademais, temos grella de churrasco, chuletóns...

Despois, temos unha horta e un invernadoiro ecolóxico, polo que son moi famosas as nosas ensaladas con leituga e tomate da casa, así como as nosas patacas. Por último, tamén ofrecemos xamón, chourizo e demais embutido caseiro.

En canto ás sobremesas, facemos todo de forma caseira e os máis demandados son a tarta de castaña e a de queixo, xa sexa ao forno ou fría. Ademais, tamén facemos tarta da avoa e flan de ovo.

Que tipo de servizos ofrecen ás persoas interesadas en ir?

Nós non ofrecemos a posibilidade de encargar comida para recoller e levar á casa, pero si facemos reservas para persoas ou grupos.

Temos un comedor dentro, dúas terrazas que abrimos no verán e un local privado no que caben unhas 25 persoas e que ten de especial que é como eran antes os comedores, coa cociña do medio dos comensais. Aí, sobre todo, organizamos comidas de caza nas que se cociña no medio o que os cazadores colleron.

Pero tamén é moi típico no inverno, na época dos cocidos, que nos reserven grupos e coman neste local privado ao redor da cociña.

Tamén organizamos vodas e bautizos de ata 80 persoas, normalmente temos uns 8 ou 9 bautizos ao ano. Así, en verán podemos chegar ás 100 persoas os fins de semana.

Como é a contorna onde está localizado?

A contorna é bonita, estamos a 1.100 metros de altura, polo que se ve Lugo, Sarria, Monforte, o val da Lóuzara, O Courel, a Devesa da Rogueira, o bosque máis importante de Galicia en canto á flora con variedade de plantas e arbustos.

A xente que vén tamén desfruta desta contorna, na que está preto o río Lóuzara no que, ademais, nesta etapa comeza a tempada de pesca, polo que se achega máis xente.

Cabe destacar que no outono a caída da folla fai que se converta nun lugar tranquilo e fermoso do que desfrutar, xa que tamén vén acompañado da tempada das castañas, que a nós gústanos porque facemos tarta.

Tamén en inverno é moi bonito cando cae a neve, e no verán tamén, todas as etapas estivais neste lugar teñen o seu encanto, tanto arriba de todo como despois baixando cara ao nivel do mar, onde se pode atopar moitísima vexetación frondosa de carballos e outras árbores típicas galegas.

Cales son os horarios e días que se traballa?

Pechamos os martes e só damos cenas os venres e sábados.  No verán damos máis, desde o mércores, pero agora no inverno hai pouca xente pola noite.

Cantas persoas traballan en Aira Padrón?

Depende da tempada. Unha media de cinco, pero os fins de semana temos extras, entre 2 e 3, e cando hai eventos collemos máis persoas.

Que beneficios aporta para as persoas que se achegan esta localización?

Creo que van comer unha comida de boa calidade, ecolóxica e caseira e van atopar un bo trato, unha atención personalizada e un prezo acorde coa calidade do produto.

O churrasco só é de Tenreira Galega Suprema, polo que custa máis que un churrasco que veña de Salamanca, por exemplo.

Teñen algún proxecto de cara ao futuro?

De momento estamos contentos e queremos manter a asistencia da xente que vén e a ver se se pode mellorar para que veña máis. Só facemos publicidade nalgún xornal e realmente o que máis nos funciona é o boca a boca.

Por outra parte, esperamos que o Concello nos faga unha ruta polo Val do Lóuzara, ou algún miradoiro que podía haber por aquí, é o que pretendíamos, pero non é cousa nosa.

Pode contarnos algunha anécdota? 

Á Casa Aira Padrón viñeron varias personalidades importantes da nosa sociedade, como no seu día Fraga, que comeu tortilla e xamón, e Cacharro Pardo. Pero tamén recentemente veu Feijóo, Yolanda Díaz, Besteiro e Raquel Arias.

Todos eles déronnos mostras de que quedaron contentos coa calidade da comida e co trato que recibiron, xa que é un sitio tranquilo no que se pode comer de maneira privada e con produtos variados de calidade.

Tamén tedes servizo dormitorio, como funciona?

Traballamos menos o servizo de aloxamento que o de restaurante, xa que só temos tres habitacións e ás veces quédanse empregados.  Teñen cama de matrimonio e están habilitadas con todos os servizos de baño propio, televisión, wifi... Pero non adoitamos ter moitas persoas no inverno, si que en verán aumenta e temos algunha parella que se queda algún día.

Casa de Aira Padrón 7
Casa de Aira Padrón
Casa de Aira Padrón 3
0.15377402305603