Cova Eirós continúa completando períodos históricos non rexistrados en Galicia

SarriaXa
Continúan as escavacións arqueolóxicas na cova Eirós, recoñecida no 2019 coma Ben de Interese Cultural (BIC) e nomeada xacemento arqueolóxico.
covas eiros triacastela
3 Oct 2021

Continúan as escavacións arqueolóxicas na cova Eirós, en Triacastela, recoñecida no 2019 coma Ben de Interese Cultural (BIC) e nomeada xacemento arqueolóxico. Ademais dela, nesta última escavación do mes de agosto, tamén se traballou nunha cavidade próxima, na cova de Cabras.

A cova Eirós de Triacastela, a través dos seus achados, continúa enchendo baleiros que existen en diferentes períodos históricos que non estaban rexistrados en xacementos en Galicia.

Desta maneira, dita cova acolleu no pasado mes de agosto a un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela para realizar unha escavación arqueolóxica e continuar así coa investigación que existe nesta cavidade situada na parroquia de Cancelo, no Concello de Triacastela. Os traballos comezaron o 6 de agosto e remataron sobre o día 27, realizando en total tres semanas de labores.

A escavación na cova Eirós comezou no ano 2008 e, dende daquelas, fixéronse diferentes campañas -sobre 13 ou 14- nas que se puideron descubrir numerosos achados relevantes para a historia de Galicia. Nesta última, participaron entre 10 e 12 persoas e adoitan ser un equipo estable que está a realizar traballos de grado e de master sobre cova Eirós. Ademais, tamén se conta con alumnos novos da USC xa que un dos obxectivos desta escavación é formar a alumnos de historia da arqueoloxía na metodoloxía de escavación arqueolóxica.

Así pois, en canto a Eirós, Arturo de Lombera responsable da escavación, destaca que esta cova ten, sobre todo, dous grandes puntos que lle dan o seu carácter relevante dende a perspectiva arqueolóxica. Un deles é o feito de que se descubriron pinturas rupestres de cronoloxía paleolítica, converténdose nas primeiras na comunidade xa que anteriormente non existía constancia delas. Estas atopáronse nunha gran sala onde están os paneis de arte rupestre documentados xunto con gravados nos que existe un amplo repertorio de liñas nas que destacan representacións figurativas e segmentos de animais, signos e paneis de liñas superpostas.

Por outra beira, segundo Lombera, outro punto importante é o feito de “ser un dos poucos xacementos que ten restos de ocupacións de dúas especies de dominios diferentes: os neandertais e os sapiens, que somos nós”. Así mesmo engade que “estes xacementos aportan moita información sobre a comparativa destas dúas especies; o estudo do seu comportamento, dos seus modos de vida e comprender un pouco o que chaman o comportamento humano moderno”.

A partir diso, existen moitos achados puntuais como son a cerámica cardial do neolítico antigo, do que tampouco existían evidencias no noroeste peninsular ou o descubrimento de restos de micromamíferos que se recuperaron durante o triado de sedimento. Estes ósos de pequenos vertebrados aportan moita información á hora de reconstruír o paleoambiente. Xunto a estes, existen outro tipo de achados que van enchendo baleiros na historia e nos períodos históricos que non estaban rexistrados en Galicia en xacementos. Por iso, este tipo de descubrimentos na cova Eirós axudan a comprender mellor e a completar as investigacións sobre a vida que existiu moito tempo atrás nesa zona en particular.

Nestas tres semanas, ademais da cova Eirós, tamén se realizaron escavacións na cova de Cabras, situada a 20 metros da gruta mencionada anteriormente, xusto no propio camiño. Isto foi a causa da situación sanitaria da covid e para poder manter a distancia interpersoal e evitar contaxios. En canto á cova, trátase dunha cova máis pequena na que se realizaron traballos para ver se alí había algún tipo de resto ou evidencia de ocupación e completar así o que se atopou na secuencia da cova Eirós.

Desta maneira e segundo o doutor en historia pola USC Arturo de Lombera, o que se atopou foi unha cova moi pequena polo que, os grupos humanos do paleolítico que habitaban neses territorios facíano na cova Eirós, que conta cunha entrada moito máis ampla e que “ofrece unhas condicións de habitabilidade moito mellores que na cova de Cabras”. Por iso, cova Eirós é a que preferentemente estaba ocupada.

No que se atopou na entrada de Cabras, segundo Lombera, foi que durante a época medieval este espazo se empregaba para gardar o gando: “atopamos restos de pequenos ovicaprinos, de ovellas ou de cabras e de restos de cerámica fragmentada que nos sitúan en momentos da idade medieval e que son paralelos os que tamén temos rexistrados en cova Eirós. É dicir, xogaba un papel complementario durante a época medieval coma lugar onde gardar o gando. De feito, tamén tiña esa utilidade fai 30 ou 40 anos cando había ovellas e cabras no pobo de Cancelo, por iso recibe o seu nome, porque gardaba as cabras”.

Así mesmo, na cova de Cabras tamén se fixo unha cata no interior onde apareceron restos de idade máis antiga en superficie, “polo que empezamos a escavar”. Nela atopáronse restos de épocas máis recentes -concretamente de época romana- bastantes singulares. Sen embargo, Lombera sinala que aínda queda por escavar e profundar nos sedimentos máis antigos “que son os que a nós nos interesan”.

Ademais, engaden que seguramente cova de Cabras non teña ocupacións humanas, sen embargo, é moi posible que teña evidencias de animais que puideron vivir alí e empregala.

En canto a futuros traballos, deféndese que en cova de Eirós sempre se escava xa que é a secuencia principal da escavación. “Agora estamos a escavar o que é o nivel 4, que se corresponde cos restos dun campamento de neandertais de hai uns 45.000 anos”.

Posibles escavacións próximas

Dende o equipo de investigadores da USC comunican que se realizaron colaboracións con grupos de espeólogos que traballaron na zona na época dos 70, xunto co grupo Ártabros entre outros, co obxectivo de complementar as ocupacións que se ven en Eirós e a forma que existía de ocupar este territorio na prehistoria. Unha labor que se realiza en paralelo á principal pero que aínda non se sabe ata que non se poida escavar.

Para isto, realizáronse prospeccións por outras cavidades que hai tanto na zona de Cancelo, -no macizo de Monte Penedo onde se atoparon ata 13 bocas diferentes do entorno entre as que se atopaba a cova de Cabras-, coma na zona de Samos, de Triacastela e do Incio, “co fin de localizar covas que reúnan unhas condicións de habitabilidade boas que permitiran que os grupos humanos se asentaran, que os animais os usaran tamén como lugar de hibernación ou cubil pero, sobre todo, que teñan unhas condicións de preservación do rexistro que permita que poidamos recuperar eses restos”.

escavacion cova eiros
escavacion cova eiros 2

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15602111816406