Creados organiza un campamento de verán do 1 de xullo ao 6 de setembro en Sarria
O centro educativo para nenos e nenas con necesidades especiais en Sarria, Creados, abre o prazo para apuntarse ao seu Campamento de Verán, que se desenvolverá do 1 de xullo ao 6 de setembro.
Neste campamento, que terá horario de 10.00 a 14.00 horas, haberá grupos reducidos e diferenciados con horarios diferentes.
Así, as actividades adaptaranse á climatoloxía, podendo realizarse no xardín privado da entidade e tamén dentro das aulas habilitadas para ofrecer clases durante o curso escolar.
A programación inclúe unha temática semanal e levaranse a cabo obradoiros e manualidades, así como xogos de auga , ginkanas e visitas sorpresa. Desde Creados defenden que “o equipo está formado por profesionais de distintos perfís”.
Tendo en conta que o número de prazas é limitado, é preciso reservar para garantir poder entrar nos grupos e o prezo será segundo o tempo: unha quincena terá un custo de 110 euros e un mes de 200 euros.