Dá comezo o DHU Vila de Sarria con dous días de puro descenso urbano e propostas culturais

Xa está todo listo para acoller desde hoxe, venres 25 de xullo, e ata o domingo todas as actividades organizadas desde o DHG Team para o DHU Vila de Sarria.
Así, Sarria converterase na capital do Descenso Urbano coa participación de profesionais do ciclismo en diferentes categorías e unha programación que combina deporte e actividades musicais.
O venres comezarán as competicións pola mañá coa categoría Mini DHU, que contará con adestramentos de 09:30 a 11:00 horas, seguidos da manga clasificatoria ás 11:15 e a manga final ás 13:00 horas. Xa pola tarde, desde as 16:00 ata as 19:00 horas, terán lugar os adestramentos da categoría DHU, para dar paso ás 19:00 ao Dirt Jump Vila de Sarria, unha proba espectacular de saltos en bicicleta.
A noite estará animada con concertos na vila, que comezarán ás 20:00 horas con Saha & Ryu, seguidos por Piensa en Wilbur ás 21:00, Green Covers ás 22:30 e pechará a xornada o DJ Frisco & Marcos Peón ás 01:00 horas.
O sábado 26 continuará a acción da DHU cunha sesión de adestramentos de 10:00 a 14:00 horas, para retomar pola tarde coa manga clasificatoria ás 16:00 e a manga final ás 17:30 horas. A xornada rematará coa entrega de premios ás 19:00 horas, pechando así unha intensa cita deportiva e cultural.