Dani DaOrtiz, o seguinte artista confirmado para o XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

O XX Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria xa conta cun novo artista confirmado para a súa programación: Dani DaOrtiz, considerado unha referencia mundial no ámbito da cartomaxia e un dos habituais colaboradores do evento.
O organizador, Roberto Lolo, destacou que DaOrtiz leva moitos anos acudindo con regularidade a Sarria para compartir o seu talento, o seu impresionante espectáculo e esa amizade que, segundo sinala, contribuíu ao crecemento do festival desde a súa primeira participación na cuarta edición.
Roberto Lolo lembrou tamén que, grazas á presenza de Dani DaOrtiz, ao longo destes anos pasaron polo festival algunhas das grandes lendas da maxia internacional, ademais de algúns dos seus magos favoritos a nivel persoal. "Non sei como llo podo agradecer, quizais cos canelóns do meu pai, pero pouco teño que dicir, porque el xa sabe todo", comentou Lolo de maneira emotiva.
Con esta confirmación, o Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria reafirma a súa aposta por contar con artistas de primeiro nivel, mantendo viva a tradición dun evento que se consolidou como unha das citas imprescindibles no calendario máxico mundial.