Dani Giménez, adestrador do primeiro equipo da Sarriana, valora "o talento e valentía" dos xogadores

SarriaXa
Giménez insiste en que o seu propósito é que o equipo sexa “cada vez máis valente, que non teña medo a xogar coa pelota nin a asociarse”
Dani-Giménez-adestrador-Sarriana
Fotografía de Alba Arias
1 Dec 2025

Dani Giménez, quen asumiu a dirección do primeiro equipo Sénior A da SD Sarriana a comezos de novembro, fai unha valoración moi positiva destas primeiras semanas de traballo e subliña que “foron semanas moi boas, nas que os rapaces se adaptaron desde o primeiro día ao meu método”.

O técnico explica que el e o seu corpo técnico estableceron “un modelo de xogo baseado no que consideramos máis axeitado para o equipo, mantendo parte do traballo previo porque entendemos que tamén se estaba facendo ben”. Destaca que a Sarriana conta cun cadro “con moito talento e moita xuventude”, elementos que lles achegan “valentía para intentar cousas que, desde a miña visión do fútbol, son moi positivas”. Porén, admite que lles falta “experiencia, calma e control nalgúns partidos”.

Giménez insiste en que o seu propósito é que o equipo sexa “cada vez máis valente, que non teña medo a xogar coa pelota nin a asociarse”, mantendo á vez a identidade dun conxunto “vertical e atrevido de cara ao gol”. Para iso, explica, están centrando parte do traballo “na mellora defensiva e en darlle un pouco máis de orde á parcela ofensiva”.

O adestrador recoñece que están a atravesar unha etapa complicada debido ás lesións, aínda que destaca a actitude exemplar do grupo: “Os rapaces adestran igual, están centrados no que deben, non perden enerxía en queixas nin escusas. Iso é clave para competir”.

Por outra banda, di que, tendo en conta a súa experiencia profesional, afirma que intenta “orientalos e esixirlle a cada un para que chegue ao máximo das súas posibilidades”. Considera que os xogadores deben dar o seu máximo “na Sarriana, pero tamén pensando en poder dar o salto a clubs de maior nivel”.

E, sobre os obxectivos desta tempada, subliña que a prioridade é “salvar o equipo, manter a categoría e permitir que o club siga medrando pouco a pouco”. Giménez define como meta realista do proxecto “permanecer nesta categoría todos os anos que sexa posible, consolidándonos progresivamente”.

E engade que se debe “apostar polo talento local, pero tamén polo que hai en toda Galicia, mantendo esa esencia familiar e humilde propia de Sarria, que achega unha forte identidade aos clubs e aos equipos do municipio”.

⚙ Configurar cookies
0.072841167449951