Daniel Castro defendeu en Samos que Galicia "debe participar no debate no Estado con voz propia"

SarriaXa
Daniel Castro defendeu en Samos que Galicia "debe participar no debate no Estado con voz propia" para defender os seus intereses
BNG Samos BNG deputado
14 Xul 2023

O cabeza de lista ao congreso polo BNG, Daniel Castro, fixo unha visita a Samos acompañado de Efrén Castro, como vicepresidente da Deputación de Lugo, as deputadas provinciais Iria Castro e Carme Aira, e a concelleira do BNG en Sarria, Mónica López; onde mantiveron un encontro coa alcaldesa do BNG María Xesús López.

Durante o encontro, Daniel Castro expuxo as iniciativas que o BNG defenderá no Congreso dos Deputados para a reforma do actual marco de financiamento local, que supón “un agravio para os municipios galegos”.

Castro afirmou que o Estado pretende ter “un control dende o centro de toda a actividade económica para espoliar os nosos recursos económicos”, e explicou que esta situación “xera especiais dificultades socias e económicas como son o empobrecemento, a precariedade, a exclusión social, a crise demográfica ou mesmo a emigración”.

"Galicia con voz propia"

Dende Samos, o candidato do BNG quixo clarificar que, fronte a esta situación, “é máis urxente que nunca que Galicia participe con voz propia e con máis forza no debate no Estado sobre os dereitos nacionais e, vinculados a elas, os sociais”. Para Daniel Castro, isto pasa por “superar un modelo autonómico insuficiente e inadecuado para solucionar os problemas económicos das galegas e dos galegos”.

“Os nosos concellos padecen unha insuficiencia financeira estrutural e grandes dificultades para atender os servizos públicos, o que impulsou ao aforro e á redución do gasto público como criterios no funcionamento dos concellos para favorecer a iniciativa privada”, criticou Castro.

Fronte a iso, Daniel Castro deixou claro que o BNG “reclamará que Galicia teña competencia na distribución entre os concellos galegos para rematar coa actual discriminación, e se incorporen criterios propios para o reparto como o avellentamento, a dispersión poboacional e o reequilibrio territorial”.

Para acadalo, o Bloque defende un novo modelo de financiamento para Galicia: “Trátase de que recade todos os impostos e teña capacidade para decidir como os inviste, na perspectiva de poder desenvolver políticas sociais, de desenvolvemento económico autocentrado e de blindaxe de servizos públicos universais e de calidade”, recalcou Daniel Castro.

0.10430407524109