Danos dos temporais na provincia motivan a proposta dun plan de 5 millóns da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O PP pide axudas directas e asistencia técnica para os 67 concellos tras os estragos en vías municipais e provinciais
PP-plan-extraordinario-cooperación-Palas-de-Rei
19 Feb 2026

Antonio Ameijide, voceiro provincial do Grupo Popular, visitou Palas de Rei xunto ao alcalde Pablo Taboada e concelleiros do PP para comprobar os estragos provocados polos temporais, tanto en vías municipais como provinciais. Ante a situación, o PP defenderá no vindeiro pleno que a Deputación de Lugo habilite un Plan Provincial Extraordinario de Emerxencia e Cooperación cos Concellos, con unha partida de polo menos 5 millóns de euros, para apoiar a recuperación das infraestruturas afectadas.

Ameijide explicou que todos os concellos da provincia sufriron nos últimos meses os efectos dos temporais e que é necesario que a Deputación colabore na reparación das infraestruturas danadas. O plan que propoñen os populares incluiría axudas directas e urxentes, un procedemento administrativo simplificado que garanta a axilidade na tramitación e asistencia técnica provincial aos 67 concellos para avaliar os danos e executar as actuacións necesarias.

Dende finais de decembro do ano pasado, Lugo vén soportando unha sucesión continuada de episodios de fortes choivas, ventos intensos e inestabilidade meteorolóxica que provocaron danos significativos, especialmente nas vías locais e camiños rurais. Moitos concellos, con recursos económicos e técnicos limitados, enfróntanse a dificultades para asumir en solitario o custo destas reparacións, fundamentais para garantir a seguridade viaria, evitar o illamento de núcleos rurais e asegurar os servizos públicos.

Ameijide lembrou que a contía asignada a través do Programa de Investimentos no marco do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026 resulta insuficiente para cubrir as obras de emerxencia necesarias. Por iso, considera imprescindible que a Deputación impulse un plan específico con achegas económicas directas, distribuídas de forma obxectiva, pública e transparente, garantindo unha repartición xusta e proporcional dos recursos. O voceiro popular insistiu na importancia de que o procedemento para solicitar e xustificar as axudas sexa áxil e simplificado para asegurar a rápida execución das obras necesarias.

⚙ Configurar cookies
0.079390048980713