Darío Piñeiro, alcalde de Láncara: “Animamos a todo o mundo a que veña á Feira; vanse sorprender”

SarriaXa
O rexedor lancarés pon en valor a Feira Degustación da Tenreira de Láncara, que este ano cumpre a súa XXVI edición
alcalde-de-Láncara,-Darío-Piñeiro
27 Apr 2025

Jessica Fernández

Como valora, como alcalde de Láncara, a Feira Degustación da Tenreira Galega?

É unha forma de darnos a coñecer, Láncara é predominantemente gandeira, somos un concello gandeiro e temos moita exportación de carne sobre todo. E moitos gandeiros dedícanse á tenreira galega. Entón nós o que intentamos é darlle valor a este produto de gran calidade e axudar ao gandeiro e ao sector primario. Cando se empezou foi co tema das vacas loucas, había crise na carne e foi un pouco para promocionar esa carne.

Que importancia ten este evento para o Concello a comarca de Sarria?

Promocionamos o produto local, axudamos ao gandeiro e mostramos Láncara como concello, xa que non só ven xente da comarca de Sarria, coñécese a nivel nacional e internacional. Énchese todo de xente que vén a desfrutar e pasar a tarde. Hai un impacto positivo no turismo e na economía local porque damos a coñecer o que somos e o que temos, levando calidade por diante. Ademais, o campo da festa é un sitio moi bonito, moi acolledor, cun entorno marabilloso, no que tradicionalmente había feira. Por iso, pensamos que é un lugar perfecto, xa que tamén está preto de Sarria, de Lugo, do Corgo... e isto fai que veña máis xente.

Lembre a primeira edición de 1999, como foi a evolución da feira ao longo destes anos?

Para min o máis importante desta Feira é que se mantivera durante tantos anos, por iso ademais conseguimos o recoñecemento de Feira de Interese Turístico Galego. Empezamos no ano 1999 cando Eladio Capón era alcalde e fíxose o 1 de maio, supoño, porque coincidía na primavera e co Día do Traballador, un día festivo, e logo mantívose ao longo dos anos, non nos plantexamos cambiar de data. Hai cousas que non deben cambiar.

Que ten de especial a marca Tenreira Galega?

Destaca a calidade, ten outra forma de carne ten moita graxa un sabor ao principio á xente non lle convencía que tivera máis graxa pero tamén iso fai que sexa máis suave, máis tenra e iso gusta moito, fibra diferente… son uns animais de leite ademais. Non é o mesmo un animal criado con cebadeiro que un criado con leite materno.

Como esperan que sexa a acollida desta festa este ano?

Depende sobre todo do tempo e hai que pensar que tamén hai moitos actos nesas datas, hai festa da troita en moitos sitios, entón é difícil xuntar a máis xente, pero aínda así esperamos unha gran participación e de público en xeral, xa que a xente do municipio xa ten gardada o 1 de maio no calendario e intentan vir. Ademais, notamos que o valoran, é o día da nosa festa, o día de Láncara. Tamén está a festa patronal, pero aquí xuntámonos todos e con xente de fóra e é moi bonito.

Que actividades se poden atopar durante a feira, ademais da degustación?

O programa deste ano será igual ca os anteriores. O 30 de abril, mércores, queremos organizar unha degustación de Tenreira Galega Suprema aberta a todo o público e de maneira gratuíta e logo terá lugar a XVI Festa dos Avós, cunha posterior foliada popular. Xa pola tarde haberá exhibicións das Escolas Deportivas Municipais no pavillón, así como se celebrarán uns Cantos de Taberna polos bares que percorrerán os bares da Pobra de San Xiao. Mentres, o día 1 de maio será a Feira exposición de gando vacún, que ademais de acoller a poxa de xovencas, farase un percorrido polo recinto feiral con visita ás instalacións do gando. Tamén será este día cando terá lugar o pregón e, despois, haberán diferentes actuacións musicais durante o día, destacando a degustación de Tenreira Galega Suprema e outros produtos durante a comida popular. Ademais, haberá postos con diferentes produtos para que artesáns e feirantes poidan vender, así como atraccións para os máis pequenos e outras actividades para amenizar a xornada, como a exhibición 'Duende Ecuestre'.

Que importancia lle dan a Acruga nesta festa?

Acruga fainos un traballo importante porque xestiona o transporte e papeleo dos animais, así como xestionan os concursos de cualificación de gando, os manexadores, os xuíces... Un tema polémico é o tema das vacas que van a exposición, porque a xente quería levar as súas vacas, pero nós xestionamos con Acruga e buscamos calidade, hai que cumprir uns estándares e hai xente que non acaba de entendelo.

Con respecto á Festa dos Avós, tamén ten moita importancia para Láncara, non?

É importante porque hai moita xente maior que non se ve durante o ano, só cando van ao centro medico e é unha forma de xuntarse. Ademais, veñen de todas as parroquias de Láncara. Con respecto ao día de celebración, facémola o día antes da poxa porque antes a xente pensaba que a faciamos para aproveitar as sobras da carne e non facemos iso, apostamos pola calidade e ofrecemos un produto de calidade, polo que temos que estar a altura. Así, ofrecemos o mellor todos os días da festa. Coincidir coincidía mellor o día 1 porque é festivo, pero non queremos que a xente pense que lles ofrecemos as sobras.

Que mensaxe lle daría a quen nunca asistiu para que se anime a vir?

Diríalles que veña, que vai marchar sorprendido. Só iso, déixoo aí. Que se animen a vir para ver que é verdade que se van sorprender.

Cales son os proxectos que teñen en marcha desde o Concello de Láncara?

Agora mesmo estamos co obradoiro de emprego Os Soutos, compartido con Samos e Paradela e, tamén estamos enfocados en mellorar as parroquias da alta montaña de Láncara. Estamos investindo moitísimo diñeiro, sendo moito custo para pouca poboación. Ademais, hai que ter en conta que, en total, levamos un millón de euros na alta montaña, diñeiro que saíu de fondos municipais e da Deputación, a Xunta non nos deu un duro, polo que xa presentamos no pleno unha moción para pedirlle á Xunta que nos axude. Ademais, levar servizos á montaña custa moito diñeiro. E outro problema que temos é co lixo, xa que temos que desprazar un camión moitos quilómetros para pouca poboación. En Láncara hai tantos quilómetros e tantas necesidades que o que se inviste non se nota, porque non chegamos a todo. É frustrante porque sempre intentamos facer moitas cousas, pero non se ve suficientemente e son consciente.

⚙ Configurar cookies
0.1668381690979