Darío Piñeiro, alcalde de Láncara, preséntase ás vindeiras eleccións municipais "con máis forza ca nunca"
O PSOE de Láncara presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións do 28 de maio, encabezada polo actual alcalde, Darío Piñeiro, que se presenta "con máis forza ca nunca" e aspira, non só a revalidar a Alcaldía e consolidar a maioría absoluta, senón a “ampliala mellorando os resultados".
Explica que iso "nos permitirá ter máis peso diante doutras administracións e darlle continuidade ós importantes proxectos que xa temos en marcha, ademais de conseguir outros novos, para mellorar as condicións de vida dos nosos veciños e veciñas, e para favorecer a actividade económica do noso concello”.
Para iso, o rexedor e candidato á reelección polo PSdeG conta “coa mellor candidatura para gobernar Láncara”. Unha lista “renovada e reforzada, con experiencia de xestión e cun compromiso firme cos veciños”, asegurou Piñeiro, incidindo e que “somos a opción que mellor coñece” o municipio e “os únicos que temos a capacidade, o equipo e a enerxía para sacar adiante proxectos importantes”, como os acadados neste último mandato, cun “investimento histórico”.
Así o manifestou ante as ducias de persoas que asistiron ao encontro socialista no Centro Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao, no que, xunto ao alcalde, participaron a secretaria de organización do PSdeG na provincia de Lugo e deputada provincial, Pilar García Porto, a deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, e o deputado e primeiro tenente de alcalde de Láncara, Pablo Rivera, que repite como número dous na candidatura socialistas da localidade.
Propostas
A dotación e mellora de servizos no rural é un dos eixos do programa electoral do alcaldable, con propostas como continuar co aglomerado en quente dos accesos, un plan municipal de traídas de augas, mellorar os sistema de selección de recollida de lixo e a eficiencia do alumeado público, a rehabilitación de vivendas tradicionais e facilitar a chegada de internet de calidade a todas as parroquias.
Así mesmo, a atención aos maiores e os servizos sociais; a mocidade, o deporte e a educación; a economía e o emprego; a igualdade; a cultura e o turismo son eidos dun decálogo de compromisos, que tamén inclúe a creación, renovación e acondicionamento de espazos públicos na Pobra de San Xiao e medidas para combater o despoboamento.
Pola súa banda, Pablo Rivera ratificou o seu “compromiso firme con Láncara. É a miña casa, o meu fogar, débollo todo. Por iso, me comprometo a seguir traballando como ata o de agora para mellorar a calidade de vida dos meus veciños, e continuar avanzando no ciclo de progreso e desenvolvemento que iniciamos no ano 2015”, sinalou.
Rivera apostou por continuar “buscando a colaboración permanente coas demais administracións”, destacando que, “grazas a todo o equipo de goberno, pero, sobre todo, ao incansable traballo do alcalde para chamar á porta doutras institucións, Láncara pasou do esquecemento a converterse nun dos municipio de referencia da comarca”.
Así, subliñou “a visión” do rexedor para “impulsar o futuro de Láncara” e a súa “a capacidade para facer equipos solventes e de garantías, que sempre destacan pola súa solidez, traballo en positivo e humildade”.
Ademais de Darío Piñeiro e Pablo Rivera, a lista está conformada por José Manuel García Aldegunde, Emilia Fernández Seijo, Miguel Rodríguez Abad, Diego Balboa Amado, Alba María Sangil de Andrés, Juan José Díaz Gómez, Alba Roda Sangil, Jesús Pardo Somoza e Luis Bande Fernández.