David Páez, novo director da canteira do Lugo: “Queremos recuperar categorías perdidas"
David Páez xa é o novo director de canteira do Club Deportivo Lugo. Xunto a el comparecía o director deportivo, Roberto Sáez, que presentaba a Páez definindo cal é o obxectivo do club coa súa contratación: “É unha incorporación que realiza o club con vistas a potenciar o traballo de canteira e tentar ser a terceira potencia dentro de Galicia”.
O sarrián amosábase moi contento pola súa incorporación: “Son de Lugo, de Sarria, a 20 quilómetros, lévoo no sangue”. “Quero agradecer a oportunidade que me brinda o club e, en especial, o presidente Tino Saqués”. O novo director asegura que a provincia ten un nivel moi alto: “Queremos demostrar que esa materia prima que hai aquí en Lugo é óptima para competir ao máximo nivel”.
“Cando estaba na Selección Galega vía moitos partidos da canteira do club. En case todas as convocatorias había algún xogador do Club Deportivo Lugo. Isto fala moi ben do que viña facendo ata día de hoxe e imos seguir dándolle continuidade”. Asegura que queren recuperar as categorías perdidas, pero tamén formar xogadores para que cheguen canto antes ao primeiro equipo. “Imos tentar que os adestradores do fútbol-basee que estean para a próxima tempada estéano a xornada completa. Imos tentar profesionalizalo ao máximo”
Pola súa, parte Roberto Sáez asegurou que “achegar o primeiro equipo á canteira é sempre unha motivación para os mozos, para que non o vexan como algo afastado e imposible de alcanzar”. “Temos que saber guiar, axudar e aconsellar aos mozos, tanto desde a dirección deportiva, como da secretaría técnica e, agora, desde o posto de David como director de canteira”, concluíu.