David Santamaría, da Carballeira do Páramo: “A experiencia que se vive xogando cos compañeiros é única”

Jessica Fernández
Carballeira do Páramo Club de Baloncesto xorde porque David Santamaría, que ten dous fillos no CEIP O Páramo, viu que no municipio, pola situación demográfica, non había ningunha oferta deportiva para nenos e nenas e, como lle parecía importante que os seus fillos tiveran a experiencia de practicar un deporte conxuntamente cos compañeiros de clase, como el cando era pequeno, puxo en marcha o equipo de baloncesto. Desta maneira, comezaron hai dous anos como actividade extraescolar no colexio do Páramo e hai un ano que se anotaron como club na liga de baloncesto.
Desde o principio, os demais pais dos nenos e nenas do Páramo apoiaron a iniciativa porque tamén compartían a necesidade de promover actividades no municipio, aínda que di que “hai familias que lle dan máis importancia ao deporte que outras, pero todos ben”. Ademais, di que desde o colexio tamén se sentiron apoiados, xa que “nos dá todo o que necesitamos e máis, a pesar de que é un colexio pequeno”. Así, puido ir ao colexio a presentar a actividade e tanto a dirección como os profesores implicáronse na divulgación da nova actividade. Tamén no Concello do Páramo temos todo facilidades, temos todo cuberto a nivel material, non facía falta moito investimento porque as canastras xa estaban no pavillón e había que pintar un par de liñas pero xa se encargou o Concello do Páramo.
No club hai agora mesmo 16 nenos nados entre o 2018 e o 2014, un “número moi elevado tendo en conta os nenos que hai no colexio”. Así, puideron formar dous equipos: un benxamín e un alevín. Aínda que recoñece que no alevín “estamos moi curtiños” e están buscando máis xente, porque están no límite de nenos que poden competir. Por iso, ampliaron este ano a actividade ao CPI Ramón Piñeiro de Láncara, onde impartirán esta actividade como extraescolar. David explica que foron desde a nova asociación, Pícaros, quen se puxo en contacto con eles para poder contar con esta actividade no cole da Pobra de San Xiao. No Páramo, pola súa parte, os adestramentos son no pavillón do Páramo os martes e mércores pola tarde.
Ademais de David hai outros dous adestradores, Yeray Román, que estivo no CB Sarria moitos anos e levaba uns anos fóra de baloncesto e agora volveu como adestrador na Carballeira do Páramo; e Adrián Pérez, que segue xogando ao baloncesto no equipo CB Lemavos de Monforte de Lemos. Entre os tres aportan aos equipos a experiencia, o dinamismo e a disciplina necesaria para afrontar os encontros.
O presidente tamén destaca o apoio do CB Sarria, que lles teñen en conta para actos, como o encontro mensual que organizan de deporte escolar que é para as súas canteiras dos coles de Sarria e invitan tamén ao club do Páramo, e tamén para incluílos dentro da Escola Deportiva de Sarria. “Queremos agradecer todo o apoio que temos desde o principio de parte do CB Sarria”, destacou David.
A IMPORTANCIA DO DEPORTE
Para David, esta actividade é moi importante porque “o deporte en equipo, a experiencia que vives é única, dá igual que deporte sexa, ti aprendes a importancia de estar nun colectivo, valorar e respectar a todos os compañeiros, todo o tema do deporte e do esforzo, así como respectar unhas regras e a uns rivais, todo iso é moi importante”, destaca. Porén, recoñece que notan con respecto a outros equipos que eles teñen menos nivel porque os nenos no Páramo comezaron a xogar en 3º ou 4º de Primaria e outros equipos como os de Lugo ou o CB Sarria teñen canteira desde os 5 anos. Pero di que: “aí temos o maior hándicap, pero aprendemos rápido e pouco a pouco xa parecemos un equipo de baloncesto”, comenta.
Con respecto aos beneficios que ten, para o adestrador, o baloncesto a nivel individual, di que é importante o desenvolvemento da psicomotricidade, coordinación nas dúas mans, e tamén a nivel visual, “ter un campo visual grande permite desenvolver unha visión periférica; ademais é un deporte táctico, polo que permite aprender a nivel mental como distribuírse a actuar nun campo grande e con respecto aos compañeiros”.
Con respecto ao futuro, David sostén que o obxectivo é que ningún neno que queira practicar baloncesto se quede sen practicalo. “A idea é acompañar aos nenos que están no club, que medren con nós e nós con eles, estamos cos nenos do 15-14 e seguir acompañándoos. Agora temos equipos mixtos pero no futuro teremos un problema porque en cadetes deberiamos ter un masculino e feminino e será complicado pola cantidade de rapaces”, concluíu.