Deputación e Campus de Lugo: Aliados estratéxicos no desenvolvemento do futuro do Ensino na provincia

SarriaXa | RibeiraSacraXa
“Apostamos por un Campus arraigado á terra, conectado coa realidade e innovador, que ofreza oportunidades á mocidade e impulse o desenvolvemento sostible do rural”, subliñou Tomé Roca
GRANXA-GAYOSO-CASTRO-USC-CAMPUS-DEPUTACION1
1 Dec 2025

A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso co ensino superior público e coa excelencia académica do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), consolidándose como un aliado estratéxico clave para o desenvolvemento económico, social e tecnolóxico da provincia. Grazas á achega anual de 370.500 euros, a institución provincial contribúe ao reforzo de centros de investigación, á innovación docente e á formación práctica do alumnado, mantendo o Campus á vangarda da investigación aplicada e das tecnoloxías emerxentes.

“Apostamos por un Campus arraigado á terra, conectado coa realidade e á vez punteiro e innovador. Un Campus que ofreza oportunidades reais á mocidade e que contribúa ao desenvolvemento sostible do rural galego”, destacou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca.

Compromiso coa investigación

A colaboración da Deputación contribúe de maneira directa á consolidación do Campus de Lugo como un polo de coñecemento e innovación, centrado na investigación aplicada e vinculada aos sectores estratéxicos da provincia.

Esta aposta materialízase en proxectos como a instalación da gaiola de drons, unha infraestrutura pioneira que permite ao alumnado realizar prácticas de voo e control de sistemas aéreos non tripulados, con aplicacións directas en ámbitos tan relevantes como a agricultura de precisión, a xestión forestal ou a prevención de incendios. Ademais, a Granxa Experimental de Leite da finca Gayoso Castro ofrece formación práctica en contornas produtivas reais, combinando investigación, innovación e contacto coa realidade produtiva para mellorar a aprendizaxe e a empregabilidade do estudantado.

Crecemento e visión de futuro

A colaboración entre a Deputación e a USC non só impulsa proxectos de innovación, senón que tamén contribúe á planificación estratéxica de futuro do Campus. A institución provincial facilitou a cesión de terreos para a nova Facultade de Formación do Profesorado, unha actuación clave para ampliar espazos, mellorar infraestruturas e dar resposta á demanda crecente de estudantes. Esta visión compartida permite que Lugo conte cun campus moderno, competitivo e preparado para seguir medrando.

Un campus que xera oportunidades

A colaboración evidencia un modelo de cooperación institucional que funciona e que produce resultados visibles: estudantes con formación máis completa, investigación ao servizo do territorio e un campus que medra e se proxecta ao futuro.

A Deputación de Lugo aposta así por unha universidade pública forte, útil e comprometida coa provincia, convertendo a educación superior nunha das mellores ferramentas para garantir un futuro sostible e competitivo para Lugo e o seu rural.


OPORTUNIDADES

A colaboración evidencia un modelo de cooperación institucional que funciona e que produce resultados visibles: estudantes con formación máis completa, investigación ao servizo do territorio e un campus que medra e se proxecta ao futuro.

A Deputación de Lugo aposta así por unha universidade pública forte, útil e comprometida coa provincia, convertendo a educación superior nunha das mellores ferramentas para garantir un futuro sostible e competitivo para Lugo e o seu rural.

Convenio-USC-Deputacion-de-Lugo
⚙ Configurar cookies
0.065148115158081