Descubrindo o patrimonio: A Igrexa de San Miguel de Goián de Sarria
Por Jessica Fernández
A Igrexa de San Miguel de Goián, situada na parroquia homónima de Goián, no extremo noroeste do Concello de Sarria, é coñecida por albergar no seu interior a imaxe do Santo Cristo de Goián, que lle confire carácter de santuario, xa que cada primeiro domingo de cada mes de setembro acoden miles de devotos de Friol, Lugo, Castroverde, Láncara, Páramo, Paradela e Sarria polas misas na honra ao Santo Cristo.
O templo pasou por distintas fases. A primeira igrexa de Goián data, segundo os investigadores e estudosos, no alto medievo, arredor do ano 800. Así, a súa cristianización tivo lugar case seguro desde a inmediata Santa María de Ortoá, xa que o titular da igrexa é San Miguel, cuxo culto é moi antigo, constatándose xa no século V. Así, a súa festividade, no día 29 de setembro, aparece en Sacramentarios de finais do século VI, ou do principio do século VII. Ademais, a Igrexa garda unha pila bautismal con estilo visigótico, sendo considerada unha auténtica xoia da igrexa. O seu actual soporte é moi posterior ao cunco-fonte. Na súa orixe, sen ese soporte, asentábase no pavimento, facilitando o dobre rito bautismal de inmersión e infusión, sobre todo cando eran maiores os que se bautizaban. A decoración dunha especie de follas ao redor da copa de tipo filiforme confirma, tamén, o seu estilo visigótico, o que indica que mesa época xa se bautizaba en Goián.
Ademais, a igrexa ten unha segunda etapa cristiá de estilo románico, xa que contén dúas semicolumnas coas súas bases e capiteis que poden ser incluso protogótico, arredor do ano 1200. As semicolumnas constituirían os soportes do arco triunfal e as semicolumnas álzanse sobre bases de tipoloxía románica con garras sobre uns plintos adornados con pequenos arcos. Ambos os capiteis levan decoración vexetal, o dereito adórnase con follas, cuxas puntas voltas acubillan a típica bóla e o esquerdo está decorado cuns estilizados talos con follas aos lados rematados cunha roseta.
Por outra parte, o templo inclúe unha terceira fase que se corresponde coa época neoclásica, momento no que unha terceira igrexa substituíu no mesmo sitio á románica. Dita substitución explicaríase, ademais da posible deterioración do anterior templo, polo crecemento relixioso do que se acabaría por converter no ‘Santuario do Santo Cristo de Goián’. Por iso, creouse un pequeno espazo no muro sur da nave desta nova igrexa, ao que se chamou ‘Capela do Santo Cristo’. Esta nave cóbrese cunha bóveda de canón sustentada por arcos de faixón. A bóveda está feita con ladrillo fino de cerámica e cemento.
Con todo, cabe destacar que no ano 1867 contrátase o retablo do templo de San Miguel de Goián a Jerónimo López de San Pedro de Cerceda. E a pintura contrátaselle en 1868 a don Mateo Fernández de San Pedro de Rivasaltas.
Con respecto á parte exterior, posúe un cemiterio encostado ao atrio que circunda o templo e a igrexa posúe dous castros que confirman a existencia de núcleos habitados na época prehistórica: un é o Castro de Outeiro e o outro é o de Escarlán. Ademais, a poucos metros do templo atópase a Fonte do Santo, que sempre ten auga fresca e abundante.