Descubrindo o patrimonio: A Necrópole de Santa Mariña do Incio
Por Jessica Fernández.
Neste monte, que comparten O Incio e Samos, localízanse corenta e catro túmulos que datan do terceiro milenio antes de Cristo ou neolítico final.
A Necrópole de Santa Mariña esténdese polo monte de Santa Mariña na confluencia de tres concellos: O Incio, na parroquia de Santa Cristina de Viso; Samos, nas parroquias de Santiago de Formigueiros e Santa María de Suñide; e Sarria, pola parroquia de San Martiño de Loureiro.
O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2006 e foi escavada baixo a dirección do profesor Rodríguez Casal da Universidade de Santiago, quen citou que “podería ser o xacemento máis importante de Galicia”.
CARACTERÍSTICAS
A necrópole foi construída ao longo dun amplo intervalo temporal, que se pode situar entre o Neolítico Final e o Bronce Inicial, é dicir, entre o IV e o II milenio a. C., erixíndose como unha das máis relevantes concentracións de arquitecturas tumulares de todo o noroeste peninsular.
Este carácter notable vén dado, non só polo elevado número de elementos que a conforman, senón tamén pola heteroxeneidade ou diversidade que presenta tanto nas súas dimensións e nos restos das antas que resultan hoxe en día visibles, como na ocupación do espazo funerario, que implica, entre outras cousas, que en varios casos a construción dun monumento realícese practicamente sobre a periferia da masa tumular doutro, ou a existencia dun emprazamento xerárquico no caso de tres elementos, desde os que son percibidos a metade dos integrantes da necrópole.
Están identificados un total de corenta e catro xacementos ou elementos arqueolóxicos, correspondendo corenta deles a monumentos tumulares ou medorras, nome este último co que se designa na zona a esta categoría de xacementos, tres a gravados rupestres e un elemento adscribible cando menos a época moderna (camiño real).
COMO CHEGAR
Conducindo de Sarria a Samos a man dereita se beira un indicador Castroncán, O Incio. Vaise por aí ata que se atopa a man esquerda un caseto de ladrillo que comunica cunha pista de terra, pois á beira contrario a pista vai tambien polo lado dereito, se continua pola pista ata atopar unha explanada, e a man dereita atopásese o monte cheo de túmulos.
Ao chegar á altiplanicie onde se atopan pódese comprender perfectamente o significado dun campo tumular. Algúns conservan restos da cámara megalítica, sendo a mellor delas un sepulcro de corredor, de 5,60 metros de lonxitude por 2,80 metros de diámetro máximo na cámara, que aínda que perdeu a cuberta, conserva nove ortostatos.