Descubrindo o patrimonio: A Ponte de Carracedo de Láncara

SarriaXa
Esta construción, xunto cunha antiga torre que se situaba na mesma ponte, forman parte do escudo do municipio de Láncara
Ponte-de-Carracedo-Láncara
14 sep 2024

Por Jessica Fernández

A ponte de Carracedo localízase na parroquia de San Vicente de Carracedo, en Láncara, sobre o río Neira que percorre o municipio a algo máis de 8 quilómetros da capitalidade, A Pobra de San Xiao.

Esta ponte de cantería granítica foi construída no século XVI con materiais e base romanas, e mide sesenta e dous metros de longo, tres metros e medio de ancho e unha altura de 9 metros na parte máis elevada, no centro.

Ademais, posúe catro arcos de medio punto de cadeirado granítico, sendo os dous primeiros os únicos que con niveis normais de auga estarían dentro do teito do río e actuando os dous restantes como desaugadoiros.

Cun gran tallamar no centro que corta e reparte a corrente da auga aos lados;  a ponte posúe dúas grandes ventás que presentan forma de anca de camelo. A rasante da ponte é de dobre pendente, con tramos desiguais, producíndose o cambio no pilar situado entre os arcos principais.

Na súa parte central consérvase unha estrutura prismática, que o coroa e que ten unha cavidade de dous corpos que antigamente albergaba a imaxe de San Miguel.

Foi reparada na primeira metada do século XVII, pois sábese dun reparto realizado pola Real audiencia de Galicia en 1640 para o pagamento das obras realizadas.

UN POUCO MÁIS DE HISTORIA

Tanta importancia ten esta ponte, que tanto a ponte como a torre que había antigamente forman parte do escudo de Láncara, sendo un dos símbolos do municipio, que ten sido testemuña da historia da localidade, xa que a súa calzada é romana, pero a súa estrutura é medieval.

A teoría da orixe romana, está reafirmada pola presenza dunha antiga vía romana, coñecida como ‘Camiño dos Romanos’. Segundo o trazado desta antiga vía romana, moitos peregrinos desviábanse do Camiño Francés no lugar de Lamas de Viduedo, pasando polo Furco, Galegos, Carracedo, Bande e Hospital de Chamoso na búsqueda da cidade amurallada.

Cabe destacar, ademais, que na Idade Media os camiñantes e carreiros tiñan que pagar unha pontaxe por cruzar a ponte, e ao pé da ponte había un vao que obrigatoriamente tiña que ser atravesado por carros e gando na época de estío para evitar o deterioro da ponte, que tiña ademais unha torre. Así, era un lugar de confluencia dos correos que viñan de diferentes puntos de Galicia e que seguían camiño cara a corte.

O uso da ponte era frecuente no século XVIII, como demostra o feito de ser utilizada cada xoves como punto de encontro do correo procedente de Sarria, Monforte e Ourense, co resto de Galicia, para dende alí ser enviado á corte de Castela. Os domingos pola noite recollíase o que viña de volta “de dicha corte y más partes de Castilla” (segundo o protocolo de D. Joseph Antonio de la Peña Somoza de 1756, que se atopa no Boletín da comisión de Monumentos de Lugo, Tomo IV). Tamén foi utilizada polo Padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1745.

A Ponte de Carrecedo tamén é representativa por ser parte do Camiño Real que entraba a Galicia desde A Meseta polo Cebreiro e, ao chegar a Fonfría, o desvío levaba cara a Láncara no seu camiño cara a Lugo, un camiño que tamén era seguido polos peregrinos do Camiño de Santiago, unindo a ruta do Camiño Francés co Primitivo. A esta vía romana chámaselle, como comentamos antes, ‘Camiño dos Romanos’.

A ponte foi restaurada a mediados do século XVII e, finalmente, nos anos 90, respectando a súa peculiar traza de lombos de mula.

0.07710599899292