Descubrindo o patrimonio: As covas de Santa María de Vilavella

O municipio de Triacastela agocha grandes tesouros patrimoniais descubertos por arqueólogos que afondaron nos espazos naturais deste Concello da Serra do Oribio. Ademais da xa sobrecoñecida Cova de Eirós, hai localizadas outras 12 covas que forman parte do patrimonio inmaterial de Triacastela.
Concretamente, hai catro covas na parroquia triacastelá de Santa María de Vilavella, que son a Cova da Graxeira, a Cova da Cabuxa, a Cova do Vaho e a Cova da Moura, todas elas cun grao de protección II.
A Cova da Graxeira, pola súa parte, atópase a media ladeira nun tallamar á marxe esquerda do río Teixedo, sobre un substrato calcario que é unha intrusión de calcarias nas lousas de Cándana, nunha zona moi próxima ao núcleo de Vilar e ao leste a 50 metros á esquerda do camiño, sobre un prado. É unha cova con forma de fuso, con ampla entrada, na actualidade usada como vertedoiro. A cova ten, polo menos, unha galería practicamente vertical de gran altura de 30 metros, e non se descarta que no seu interior haxa depósitos de terra susceptibles de ser escavados. Así, aínda que non foi posible documentar ningún resto, considérase como un posible xacemento arqueolóxico cunha adscrición cronolóxica indeterminada.
Pola súa parte, a Cova da Cabuxa, atópase no mesmo lugar que a da Graxeira, aínda que, neste caso, atópase a 50 metros á dereita do camiño, nunha zona moi abrupta. É unha cova con pouca amplitude na entrada principal que ten unha bufarda a uns tres metros de altura, que está tapada polos veciños para impedir caídas e que os animais aniñen. A galería, á que non se pode acceder, parece bastante ampla e susceptible de ser escavada arqueoloxicamente, debido a que é un ámbito apto para habitar. Considérase pois como un posible xacemento arqueolóxico, aínda que cunha adscrición tipolóxica indeterminada.
A seguinte é a Cova do Vaho, que se atopa na marxe esquerda do curso do regato de Vilavella, sobre un substrato calizo que é unha intrusión de calcarias nas lousas de Cándana. Atópase nunha zona dedicada a prados e algo máis baixa que o curso do regato. É unha das covas con menos amplitude na súa entrada; segundo as noticias recollidas, parece que unha riada hai máis ou menos 20 anos, bloqueou parte da entrada, que era moito máis ampla. A tradición oral di que contén varias galerías moi amplas onde seguramente hai depósitos de terra susceptibles de ser escavados arqueoloxicamente, sobre todo ao ser unha cavidade moi apta para o hábitat.
Finalmente, a Cova da Moura localízase a media ladeira do Monte de Furco na marxe esquerda do río Teixedo, sobre un substrato calcario que é unha intrusión de calcarias nas lousas de Cándana, concretamente nunha zona de densa vexetación na parte baixa dun cristón diferenciable da contorna por ser unha zona de teixos. É unha das covas con máis amplitude na entrada e nas galerías, onde hai depósitos de terra susceptibles de ser escavados arqueoloxicamente. Sobre ela, ademais, recolléronse diversos relatos da súa ocupación na guerra civil e lendas referentes a mouros. É unha cavidade moi apta para que se poida habitas, polo que se considera como un posible xacemento arqueolóxico.