Descubrindo o patrimonio: Capela do Ciprés de Samos
A Capela do Ciprés ou do Salvador de Samos atópase a uns cen metros do Mosteiro de San Xulián de Samos e é o resto máis antigo que conserva, xa que podería ser unha cela monástica.
A súa construción en laxas de lousa data do final do século IX ou principios de século X e é de estilo mozárabe e prerrománica. Consta de dous corpos de planta lixeiramente trapezoidal, nave e cabeceira.
A pequena capela dunha soa nave de ábsida rectangular conta con muros de cachotería de laxas nos que se abren pequenas e alongadas xanelas. A súa cubrición, a dúas augas, cóbrese de lousa sobre base de madeira. Unha pequena bancada rodea a capela e destaca o arco do interior da capela.
Un trazo característico é que a porta está situada nun lateral sur cuxa curvatura tende á forma de ferradura. Na fachada principal, mirando ao río Oribio, apréciase unha xanela de dobre arco á que lle falta o parteluz. No interior resalta o arco triunfal elíptico que nas súas formas tende á de ferradura e tamén hai que destacar as súas pinturas ao fresco de influencia astur.
O ciprés
Ao lado da Capela eríxese un gran ciprés milenario de 25 metros de altura e duns 3,25 metros de perímetro que está considerado entre as 50 árbores máis notables de España, aínda que non teña tanta fama como o ciprés do mosteiro de Santo Domingo de Silos.
O seu parche negro é causa dunha ferida ocasionada por un raio, aínda que circula unha lenda que di que a ferida foi ocasionada en 1926 ao prenderlle lume a un panal de abellas que queríase eliminar da árbore. O parche cumpre a dobre función de protección e de axuda á rexeneración natural da árbore.
Na antigüidade, os cipreses eran considerados un símbolo de hospitalidade e plantábanse na porta das vivendas para indicar aos viaxeiros que se lles ofrecería comida e cama durante uns días.
Foi declarado ‘Árbore Singular de Galicia’ no Código 41A mediante o Decreto 67/2007, do 22 de marzo.
Na actualidade
A Capela do Ciprés vén sendo obxecto de visita para moitos turistas, curiosos, historiadores e peregrinos que se achegan cada ano a Samos para ver o Mosteiro de San Xulián e descubrir unha das árbores máis importantes e antigas da Península Ibérica.
Visitas guiadas, así como outras máis persoais, son organizadas por persoas de todas as partes do mundo ao seu paso polo Camiño Francés co fin de participar dun momento único.
Pero tamén, desde este ano e co cambio de Goberno local, a Capela do Ciprés acolle, desde xullo do ano 2023, a oficina de información turística do municipio para poder dar servizo aos turistas e peregrinos que chegan para visitar o Concello.
Ademais, alí celébranse diferentes actos, como o organizado a principios de outubro do proxecto ‘Interritmos sons do rural no Destino Courel’, que contou con actuacións musicais, narrativa, degustación de produtos locais e, sobre todo, a promulgación da cultura popular galega. En definitiva, un lugar de encontro cultural e turístico para seguir dando vida a un lugar con moita historia.