Descubrindo o patrimonio: Mosteiro de San Xulián de Samos
O mosteiro de San Xulián ou San Xián de Samos é unha construción arquitectónica construída ao longo de distintas épocas, formado por elementos románicos, góticos, renacentistas e barrocos; que se atopa na nun val frondoso na propia capitalidade da vila de Samos.
A tamén chamada Abadía Beneditina de Samos é un dos tres mosteiros que aínda están habitados por monxes en Galicia e foi fundado por San Martiño de Dumio no século VI, na etapa visigótica e a súa historia está ligada ao refuxio de Alfonso II o Casto antes de ser coroado rei de Galicia no ano 759 e aos grandes centros monásticos de Toledo.
Este complexo monástico, que sufriu un incendio en 1951, conta coa denominación de Ben de Interese Cultural (BIC) e contén dous claustros, o claustro do Pai Feijoo e o claustro das Nereidas e sete estancias xunto ao claustro do Pai Feijoo.
Claustros
O primeiro, o claustro do pai Feijoo, data de finais do século XVII e principios do XVIII e é considerado un dos máis grandes do estado español entre os da súa clase por contar con 54 metros de lado. Ademais, o seu estilo é unha mostra do paso do renacemento ao barroco.
No centro conserva unha estatua do monxe que viviu neste mosteiro, o Pai Benito Jerónimo Feijóo, feita polo escultor Francisco Asorey. O material da escultura é de tres clases de granito de distintas cores e nos días de choiva a cor da vestimenta do Pai Feijoo resalta especialmente.
Este claustro está formado por tres pisos: o inferior mostra as galerías abertas ao patio con arcos de medio punto onde se apoian as pilastras dóricas; no segundo piso obsérvanse xanelas sinxelas e no último piso apréciase a súa balaustrada e grupos de vans de arcos carpaneles sostidos por columnas de tipo iónico.
Ademais, no primeiro piso do claustro do Pai Feijoo pódense apreciar pinturas murais dos pintores Celia Rodríguez Cortés, Joan Parés, José Luis Rodríguez e Enrique Navarro.
Con respecto ao segundo claustro, coñecido como das Nereidas, data do século XVI e é máis pequeno. Foi realizado polo arquitecto monfortino Pedro Rodríguez e é de estilo gótico tardío, presidido no centro por unha fonte barroca, chamada das Nereidas, realizada polo Pai Juan Vázquez. A copa é sostida por catro esculturas que representan a este ser mitolóxico.
Este claustro foi construído sobre as ruínas dun claustro anterior de estilo románico que resultou destruído por un incendio. As bóvedas son de cruceiro estrelado con claves decoradas con diversos motivos. Os tramos desiguais da segunda planta están iluminados por montantes ovalados por encima das xanelas e por encima está a cornixa da que sae a terceira planta na que se aprecian ventás con arco carpanel. O piso terceiro construíuse no século XVIII.
Ao redor deste claustro, que está cuberto con bóveda de cruceiro e aínda conserva unha portada románica, viraba a vida da abadía, polo que ao patio ábrense as estancias da cociña, o refectorio e a biblioteca.
A portada románica do mosteiro atópase neste claustro, o das Nereidas, e data do século XII. Esta antiga entrada á igrexa dispón de dous arcos de medios puntos concéntricos, suxeitos por dous pares de columnas enmarcando a porta e o tímpano, que é semicircular e está adornado cunha cruz procesional de baixo relevo.
Fachada do mosteiro
O mosteiro dispón dunha fachada barroca do século XVIII que lembra á escalinata da fachada do Obradoiro de Santiago de Compostela. Debido á súa horizontalidade, dá a impresión de estar incompleta ao non ter torres nin coroamento ou ático central.
No corpo inferior da fachada, atópase a porta de entrada centrada entre catro columnas dóricas sobre os seus pedestais e sobre a porta está a figura de San Benito, obra do escultor Ferreiro, nun nicho de estilo barroco.
Ademais, conta con pilastras laterais do primeiro corpo, dous a cada lado e unha xanela rectangular cun enmarcado ollo de boi no seu parte superior. Tamén ten un rosetón flanqueado por dúas columnas, e dous nichos coas imaxes de San Julián e Santa Basilisa. Nas rúa laterais do segundo corpo destacan a balaustrada sobre a cornixa e o campanario de estrutura cadrada e arco de medio punto.
Desde a fachada, accédese á porta por unha escaleira señorial do século XVIII inspirada na do Obradoiro de Santiago de Compostela de estilo neogótico e labrada en pedra que comunica as dúas plantas superiores. Realizouse co fin de substituír á antiga que, despois do incendio de 1951, quedara moi deteriorada. Foi deseñada por D. Juan Monleón, monxe da comunidade. Aos pés da escaleira áchase un busto do Pai Rosendo Salvado, obra de Francisco Asorey.
Outras estancias
Actualmente, conta cun novo museo monástico denominado Samanos, antigo nome co que se coñecía o pobo de Samos, e que está dedicado á orixe do mosteiro, á obra de Deus, a evolución do mosteiro e a vida no claustro dos monxes. Este museo contén obras que van desde os séculos III e IV antes de Cristo ata os nosos días. Incluso algunhas do neolítico. Pódense ver esculturas, ourivaría, libros, pergamiños, tecidos, pezas de Francisco de Moure, receitas de alquimia e manuscritos do Pai Feijóo.
Por outra banda, conta cunha biblioteca que contén unha gran cantidade de obras de calidade, entre as que se atopan algunhas incunables. Durante a desamortización de Mendizábal en 1835, algunhas das obras foron trasladadas a Lugo. O incendio de 1951 supuxo un gran dano para a biblioteca, pero a pesar de todo dispón dun arquivo amplo e dun alto valor cultural.
Con respecto á igrexa monacal grande e luminosa de mediados do século XVII, que é de estilo barroco, aínda que con sobriedade clásica. Consta de tres naves; a nave central, que é a de maior altura e anchura, xunto co cruceiro dá lugar a unha planta en forma de cruz latina. O alzado da nave principal susténtase por pilastras dóricas. Na unión dos dous brazos levántase a cúpula galonada con casetóns sobre un tambor, todo iso sustentado por catro arcos de medio punto. Ábrense unhas tribunas con arco de medio punto e varanda de ferro forxado.
Con respecto ás esculturas, cabe resaltar as de Francisco de Moure: a Inmaculada, San Juan Bautista e a Virxe Dolorosa; e de José Ferreiro o retablo maior coa escultura de San Julián. E cn respecto ás pinturas, destaca a Inmaculada Concepción, que foi obra do pintor asturiano Juan Carreño de Miranda ou da súa contorna.
Por último, conta cunha sancristía e un signo, que recibe este nome do sinal que dá o abade a este lugar para entrar comunitariamente na igrexa. Destaca a súa bóveda do século XVI, a súa fonte barroca policromada, os frescos do pintor catalán Joan Parés e mobles neoclásicos.
Pola súa parte, a sancristía é de estilo barroca datada a finais do século XVIII e principios do XIX. De estilo, é clasicista, de planta octogonal e coroada por unha cúpula e conta con mobles neoclásicos e mesa barroca policromada.
Este mosteiro, un dos centros culturais máis destacados de Europa na Idade Media, conta ademais cunha hospedería, moi adecuada para quen queira repoñer forzas nun lugar que emana tranquilidade, e dispón de aparcadoiro para coches e autobuses.