Descubrindo o patrimonio: O Pazo de Paredes do Páramo
Por Jessica Fernández
O Concello do Páramo contén diversas construcións consideradas Patrimonio Cultural pola Xunta de Galicia, entre elas a Igrexa de San Salvador de Vileiriz, a Igrexa de San Xoán de Friolfe, a Igrexa de Santo Estevo de Grallás, o Pazo de Vilafiz, o Pazo de Neira e o Pazo de Paredes, estas tres últimas construcións civís de carácter señorial que poden verse en distintas parroquias do municipio.
Ademais, as primeiras referencias históricas do Páramo que se atoparon nos achados arqueolóxicos da Parroquia de San André da Ribeira, dan conta de varios túmulos megalíticos, e tamén abundantes castros como os de Friolfe e Moscán.
Concretamente, o Pazo de Paredes, ou tamén chamado Casa Grande O Pombal, atópase na parroquia homónima, a escasos quilómetros da Vía de Altas Prestacións CG-2.2 que conecta O Páramo con Sarria e con Lugo capital. Ademais, atópase entre casas privadas que foron construídas no mesmo tempo que o propio pazo.
Non hai unha data exacta de construción establecida, pero pénsase que foi levantado sobre a segunda metade do século XIX, é dicir, arredor do 1860, cando os pazos xa abundaban na xeografía galega, xa que a súa orixe e expansión se vincula ao final das guerras entre os señores feudais galegos, abandonando as torres fortificadas e os castelos e o paso a situación de paz e estabilidade social. Así, os pazos foron proliferando no ámbito rural galego como lugares de retiro da clase fidalga e baixa nobreza, estendéndose a súa construción ata finais do século XIX, período no que se encadra tamén o Pazo de Paredes.
Desta maneira, este pazo, xunto cos outros 900 catalogados en Galicia, foron lugares destinados ao descanso e o entretemento das familias fidalgas e tamén foron centros agrícolas. No caso do Pazo de Paredes, tamén tiña unha parte baixa dedicada ao gando, aínda que esa parte foi reformada e agora é un espazo da vivenda onde se reúne a familia dos actuais propietarios.
A estrutura deste pazo é de planta rectangular, aínda que existen pazos de planta cadrada, e posúe diversas habitacións dedicadas a dormitorios, lavabos, comedor, cociña, salón, corredor e patio interno, propio dos pazos. Ademais, cabe destacar que, a pesar de ter ventás, son poucas e pequenas, polo que poderíase dicir que o pazo é unha construción escura e levantada sobre perpiaños de pedra co fin de protexer o interior da humidade.
Ademais destas características internas, o pazo conta cun xardín grande e unha gran terraza desde onde, antigamente, os señores fidalgos podían controlar os labores dos campesiños e tamén desfrutar das tardes solleiras; así como contaba cun pombal, de aí o nome de Casa Grande O Pombal.
Este pazo, igual que os outros, aínda que foi construído no século XIX, a súa estética vén do paso da Idade Media á Idade Moderna, cando xorde o Renacemento, polo que o seu estilo arquitectónico é ecléctico e renacentista, é dicir, sobrio, sen moita decoración e no que predomina a horizontalidade.