Descubrindo o patrimonio: Os muíños de Santalla de Trascastro do Incio

A parroquia de Santalla de Trascastro no Incio, que limita coas parroquias de Foilebar, Santalla, Ferreiros, Saa, Santa Mariña do Incio, Hospital e San Pedro do Incio, acolle, entre as súas particularidades, dous muíños fariñeiros que están en desuso, pero son dos mellores conservados da zona.
Estes son o Muíño do Sancho e Muíño da Vila, dúas construcións que forman parte do patrimonio do municipio do Incio e que se atopan a escasos metros de distancia a unha da outra, nunha contorna bañada polas augas do río Cabe, un dos principais afluentes do río Sil pola súa marxe dereita, e do río Antigua.
Hai 40 anos, ambos muíños funcionaban case todos os días e tamén traballaban de noite, a través dun labor de moer o gran para facer a fariña. Así, aproveitando o leito do río, activábase o funcionamento do muíño grazas á forza motriz da propia auga. Ao moverse, moía o cereal de centeo ou millo e formábase a fariña que logo se utilizaría para alimentar os animais ou crear o pan que comían moitos veciños.
Por iso, nestes dous muíños acudían diariamente veciños de Martín, Foilebar, Santa Mariña, Pereiro o Río, todos do Incio; pero tamén de lugares da Pobra do Brollón, como de Monteagudo, O Busto, Penadexo, Pradelas, Covadela e A Veneira.
CENTRAL ELÉCTRICA
Ademais da creación de fariña, no Muíño de Vila traballaban tres rodas e dúas delas con peneira e tiña unha construción pegada ao edificio do muíño que funcionaba como central eléctrica, proporcionando luz ás localidades de Trascastro, Río, Santa Mariña e A Ferrería durante moitos anos, máis de 20 no caso de Tracastro, xa que non chegou a luz ás localidades ao mesmo tempo e que a central pechou a finais dos anos 60.
O funcionamento desta central consistía nun sistema de turbina na que entrada e saía a auga do río Antigua e unha roda de gran tamaño que accionaba unha dínamo que producía corrente eléctrica, así como unha serra mecánica que cortaba madeira. Ademais, contaban cun sistema de barras metálicas e engrenaxes dirixido cun voante de automóbil para regular a entrada da auga na turbina.
O RÍO QUE MOVÍA OS MUÍÑOS
O río Cabe ten unha extensión de 737 km² e ocupa os concellos do Incio, Paradela, A Pobra do Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, O Saviñao, Sober e Pantón. No seu curso alto, poucos quilómetros despois do seu nacemento, pasa por Santa Mariña, Río e Trascastro, onde recibe as augas do accidentado río Antigua e onde se atopan os dous muíños, o do Sancho e o do Vila. Continúa logo por San Miguel, Barreiro e San Pedro, onde está o muíño de Cortiñas. Logo entra no Concello da Pobra do Brollón e pasa pola aldea de Biduedo. Entón recibe as augas do rego de Paraxes, rego da Córnea, rego Acevedo, rego Val de Forgas e rego Sobrecín. Entra logo en Pacios de Veiga, onde están os muíños do Seara, do Ramiro e do Vila.
No seu curso medio, pasado Pacios de Veiga, o Cabe entra no Val de Lemos, pasando por Veiga, onde recibe as augas do río Picarrexo; Santalla de Rei, onde atopamos o muíño de Folla; A Nogueira, Alende e A Lama e Fornelas, onde recibe as augas do río Saa antes de virar cara á dereita e entrar na Serra do Moncai, onde pasa ao concello de Monforte de Lemos, onde transcorre polas aldeas de Camporrío, onde recibe as augas do río Mao; Remuín, onde pouco despois está o inicio do Canal Alto do Regadío Val de Lemos; O Freixo, Ribas Altas, e posteriormente entra na capital monfortina, cruzando a Ponte Vella.
Tamén recibe as augas dos regatos de Rioseco e da Veiga e logo pasa por Piñeira e Distriz, onde desembocan o barranco de Carballo e o río Cinsa. Aí, entra en Pantón, onde está a Illeta de Muíño, pasa por Eireos e Valado e recibe as augas do regato de Sante. Logo recibe as augas do río Carabelos e pasa por Canaval, pasa por debaixo da estrada N-120 e recibe as augas do río Ferreira. Pasa logo por Areas e O Cotillón, e recibe as augas do regato da Pereira. Finalmente, desemboca no Sil no lugar da Barca, no límite entre as parroquias e concellos de Frontón (Pantón), Anllo (Sober) e Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).