Desde a Anpa do Ceip Ricardo Gasset do Incio esixen un plan educativo específico para os centros do rural

SarriaXa
Desde a Anpa do Ceip Ricardo Gasset do Incio esíxenlle á Xunta un plan educativo específico para os centros do rural
anpas rurais concentracion
25 Xul 2023

A Anpa do Ceip Ricardo Gasset do Incio vai seguir manifestándose en defenda do ensino de calidade no rural despois de facelo o pasado xoves, 20 de xullo, fronte á Xunta de Galicia en Lugo, onde protestaron contra o que consideran “o desmantelamento dos colexios rurais”.

Así, a través da presidenta da Anpa, Elvira Campo, as familias do Incio recordan que levan moitos anos “loitando por unha educación de calidade para as nosas fillas e fillos no lugar onde vivimos”.

En concreto, denuncian que foron informados de que no vindeiro curso escolar de 2023-2024, a especialista en pedagoxía terapéutica que estivo durante este curso a tempo completo pasará a estar a media xornada e as necesidades van ser maiores que no curso que vén de rematar. Polo que, explican, “non é necesario ser especialista para saber que se as necesidades aumentan e os recursos diminúen, as nosas nenas e nenos non recibirán os apoios que precisan”.

PLAN EDUCATIVO ESPECÍFICO

Así, sosteñen que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade “debe garantir a igualdade de oportunidades para todos os nenos e todas as nenas, dotando dos recursos necesarios a todos e cada un dos centros educativos ao seu cargo. E para garantir a igualdade dos dereitos é imprescindible que haxa equidade no reparto dos recursos”.

Ademais, están convencidos de que os centros das zonas rurais precisan un plan educativo específico “que sexa garante desta equidade”, argumentan. “Non podemos rexernos polos mesmos parámetros á hora da dotación de recursos que nos centros con un número maior de unidades”.

Por todo isto, solicitan á xefatura territorial que reconsidere a súa decisión, e poña en coñecemento do organismo competente “a nosa necesidade de manter o mesmo profesorado que o ano pasado”.

Agora, deberán esperar a que saian as prazas de forma oficial e, de non ter en conta as necesidades deste centro educativo e decidir manter a decisión de que a especialista en pedagoxía terapéutica estea a media xornada, seguirán mobilizándose.

0.0970618724823