Desde a Plataforma Sarria Aire Limpo insisten na súa oposición ao proxecto en Oural

Desde a Plataforma Sarria Aire Limpo insiste en que a cidadanía da comarca de Sarria "está desprotexida ante unha actividade industrial contaminante que non fará máis que agravarse coa nova planta de produción de CSR proxectada".
Así, din que logo da charla informativa realizada o día 3 de abril polo grupo Votorantim, confírmase que "os residuos que recuperaría a planta de CSR proxectada en Oural queimaríanse tamén en Oural, ademais de noutras do grupo" e critican que na fábrica de Oural "non existe ningún control sobre diversas substancias como son o benceno, naftaleno, cianuro de hidróxeno ou os bifenilospoliclorados".
Representantes da Plataforma destacan que a Unión Europea recomenda desde hai máis dunha década que se controlen estas substancias, "posto que a evidencia científica ten demostrado que se emiten ao coincinerar os residuos que utiliza a instalación como combustible, e que son nocivas para a saúde das persoas.
Ademais, consideran que "a coincineración de residuos non é unha práctica medioambientamente desexable, senón que, de acordo con documentos do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, é un proceso suxeito a controis medioambientais máis estritos debido aos maiores riscos que a mestura de combustible con residuos ten desde o punto de vista medioambiental en canto á emisión de contaminantes".
Por todo isto, reiteran que se opoñen ao proxecto "polo risco que vai a supoñer para a saúde e o medio ambiente. A Comarca de Sarria leva décadas exposta a actividade contaminante desta fábrica sen saber cales teñen sido as consecuencias sobre as persoas e o territorio debido a falta de estudos epidemiolóxicos e de avaliacións rigorosas sobre o impacto da produción de cemento e da queima de residuos na nosa Comarca".
E engaden que cren que se están incumprindo as directrices europeas que o Tribunal de Xustiza da UE vén de emitir nunha sentencia emitida o 25 de xuño de 2024 na que se obriga aos Estados membros a incorporar avaliacións previas das repercusións sobre o medio ambiente e sobre a saúde das persoas aos procedementos de autorización ambiental das actividades contaminantes.