Destacan as agrupacións forestais como motor contra o abandono do monte no Incio

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou os terreos da agrupación forestal de xestión conxunta San Pedro do Incio acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.
Durante a visita, a titular autonómica puxo en valor estas fórmulas asociativas como instrumento clave para mellorar a produtividade forestal e frear o abandono do monte.
No marco deste encontro, Gómez salientou a nova liña de axudas específica para agrupacións forestais, dotada cun orzamento de 2,1 millóns de euros para as anualidades 2026 e 2027, o que supón un incremento do 50 % respecto da convocatoria anterior. Segundo explicou, a partida estrutúrase en dúas liñas diferenciadas.
A primeira está orientada á creación de novas agrupacións, tanto básicas como con base territorial, e contempla tamén a transformación de asociacións sen base territorial noutras que si a teñan, promovendo así modelos de maior integración e coordinación. A segunda liña destínase ás agrupacións con base territorial xa inscritas, co obxectivo de apoiar novos procesos e actividades que reforcen a súa consolidación. A convocatoria foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia e o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 17 de abril.
A conselleira asegurou que esta aposta responde á vontade do Goberno galego de impulsar a creación de novas agrupacións, fortalecer as xa existentes e aumentar a superficie forestal xestionada de maneira conxunta, ao tempo que se melloran as capacidades organizativas, técnicas e comerciais destas entidades. Ao abeiro das convocatorias anteriores promovéronse 24 novas agrupacións que xa están operativas e, unha vez executada por completo a correspondente a 2025, prevese alcanzar as 65, cunha superficie conxunta superior ás 4.800 hectáreas.
Durante a visita tamén se puxo o foco na participación da agrupación de San Pedro do Incio no plan piloto para a rehabilitación dos soutos galegos, unha iniciativa impulsada pola propia Consellería que seleccionou máis de 300 hectáreas representativas, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.
Este proxecto permitiu constituír as cinco primeiras agrupacións forestais, entre elas a do Incio, que integra a 39 propietarios e 56 hectáreas, pasando de 174 parcelas xestionadas de forma individual a unha única xestión coordinada. Segundo destacou Gómez, este cambio supuxo un paso adiante cara a unha xestión máis sostible, profesional e colaborativa, ao reducir custos e optimizar a planificación dos aproveitamentos.
No marco desta actuación estanse a desenvolver traballos de recuperación e conservación dos soutos tradicionais, que inclúen rozas, podas sanitarias e selección de brotes, entre outras intervencións. Ata o momento executáronse actuacións por importe de 142.000 euros. Ademais, na zona destináronse 36.000 euros ás achegas para a rehabilitación de soutos de castiñeiro e outros 42.500 euros adicionais para ampliar a superficie incorporada á xestión conxunta.