Destinan axudas a entidades das Reservas Terras do Miño e Ancares Lucenses

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A institución destina 83.000€ a subvencións para a promoción do territorio a través de proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural.
miño
26 Jun 2021

A institución destina 83.000€ a subvencións para a promoción do territorio a través de proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das Reservas da Biosfera. Hai dúas modalidades, unha por cada territorio, e cada entidade solicitante poderá optar a entre 1.000 e 10.000€ co fin de “fortalecer unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais propoñan e coordinen actividades”.

A Deputación de Lugo lanza unha nova liña de axudas de concorrencia competitiva dotada con 83.000€ destinada a entidades sen ánimo de lucro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola propia institución. Así o aprobou este venres a Xunta de Goberno provincial, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. A Deputada lembrou que esta medida está recollida no Plan de Impulso da Economía da Provincia que a Deputación puxo en marcha para axudar  a paliar o impacto da pandemia, sobre todo na hostalería, o turismo e o comercio local.

García Porto explicou que son unhas axudas que a Deputación de Lugo convoca por primeira vez, e que teñen como obxectivo o desenvolvemento do territorio a través de actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en posta en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico das reservas. “Estas axudas resultan fundamentais para que os axentes implicados nas Reservas Terras do Miño e Ancares Lucenses teñan capacidade económica para executar accións encamiñadas á protección ambiental e ó desenvolvemento sostible do territorio”, recalcou.

Así mesmo, a Deputada puxo o foco en que a finalidade é que “non só a Deputación de Lugo como entidade responsable das Reservas impulse accións, senón fortalecer unha rede de colaboración integradora, na que os colectivos locais e entidades sen ánimo de lucro propoñan e impulsen actividades no marco dos Plans de acción que aprobaron as dúas Reservas”. Como exemplo, mencionou o proxecto de recuperación, conservación e aproveitamento económico dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, que é finalista nos premios Copa de España Creativa 2020, que recoñecen os proxectos máis innovadores e creativos do Estado para favorecer o desenvolvemento do territorio.

A convocatoria de subvencións ten dúas liñas diferenciadas. A primeira destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, dotada con 45.000€. Neste caso son un total de 26 municipios os que forman parte da Reserva: Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade. A segunda está destinada á execución de accións no territorio da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e conta 38.000€. Neste caso, son tres municipios (Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna) os que integran a Reserva.

A Deputada concretou que cada entidade solicitante poderá optar a unha subvención que vai dos 1.000 aos 10.000€. Unha vez se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), abrirase un prazo de solicitude de 10 días hábiles para presentar as peticións.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14669704437256