Discrepancias en Sarria polos plans de conservación da Casa dos Ulloa
O pleno de Sarria aprobou, coa abstención do Partido Popular, un crédito extraordinario para o mantemento e conservación da Casa dos Ulloa, tamén coñecida como Casa das Arsenias. Isto suporá a incorporación ao orzamento municipal da indemnización abonada pola compañía de seguros despois do incendio que se rexistrara no inmoble no ano 2019, e que rolda os 43.000 euros.
Os partidos da oposición queixáronse de que desde o Concello se tardara tanto tempo en realizar labores de mantemento no edificio, así como do feito de que as portas e fiestras do mesmo fosen tapiadas con ladrillos. Neste senso, o alcalde, Claudio Garrido, manifestou que se baralla colocar unhas lonas co fin de "tapar as vergoñas".
Esta manifestación provocou o rexeitamento dos demais grupos da corporación municipal, ao entender que a colocación desas lonas conlevará que o edificio non se restaure durante o actual mandato. O rexedor sarriano recoñeceu que a restauración da Casa das Arsenias non é a día de hoxe unha prioridade para o goberno local, senón que teñen outras como a residencia de maiores ou a casa da cultura.
O PP acusou ademais ao equipo de goberno de "renunciar" a dúas subvencións concedidas no ano 2018 para o proxecto de rehabilitación da Casa das Arsenias -unha de 200.000 euros da Xunta e outra de 50.000 da Deputación-, un proxecto que, din, contaba ademais "con proxecto de obra e con tódolos informes favorables". Neste senso, preguntáronse se a intención do goberno local non sería vender o inmoble, algo que o rexedor aclarou que, en todo caso, tería que acordarse no pleno da corporación.